Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > Casa e fogar >
Elixir cheminea

Das rústicas ás modernas e vangardistas pasando polas que se revisten con materiais resistentes e naturais como a mármore, o ladrillo ou a madeira, a nova xeración de chemineas sorprende pola súa innovación e deseño.

As propostas vinculadas á sucidade e o po son cosa do pasado. As chemineas actuais son produtos concibidos como elementos decorativos que ademais achegan calor. Funcionan con leña, gas, electricidade, e algunhas, as máis revolucionarias, con etanol desnaturalizado. A elección depende do gusto do usuario, que moitas veces prefire as opcións de antano aos modelos de deseño realizados con materiais innovadores. Porén, ata as chemineas con aparencia tradicional e clásica, como as de ferro fundido, enmarcadas en mármore ou pedra, incorporan innumerábeis avances en comparación coas versións anteriores. As portas de apertura e peche, a cámara estanca con tiro natural, os sistemas para optimizar o gasto de combustible, a potencia calorífica axustábel, o control da temperatura a través do termóstato e os dispositivos de seguridade son elementos que se atopan en case todas as gamas e coleccións do século XXI. A calidade, a limpeza e a sinxeleza da instalación son os tres factores que máis valora o consumidor na adquisición deste tipo de produto. Se ademais presenta un deseño simple, acorde coas tendencias decorativas actuais, e non desentoa nos fogares modernos, a elección está clara.  

Ecolóxica, un concepto revolucionario
As chemineas ecolóxicas que se alimentan de etanol desnaturalizado, unha enerxía renovábel e limpa na súa combustión que non produce residuos, senón tan só vapor de auga e dióxido de carbono, supuxeron unha auténtica revolución no mercado. Esta fonte de enerxía é alcohol puro, ao que se lle engaden certos aditamentos que evitan que se poida beber, e resulta da fermentación dos azucres, producidos principalmente por plantas como a cana de azucre, as patacas, os plátanos, a remolacha e, máis recentemente, por cereais como o trigo. 

Estes modelos non precisan de condutos de fume nin instalacións, e ofrecen deseños simples e adaptábeis a calquera espazo da vivenda. A súa eficacia reside, en gran medida, na ausencia de tiro de cheminea, o que permite que toda a calor permaneza na estancia. A intensidade da chama pódese controlar mediante un regulador integrado e pódese acender e apagar facilmente. 

A peza clave da cheminea ecolóxica é o queimador, un recipiente perfectamente selado encargado de almacenar o etanol para a súa combustión, que se pode incorporar en calquera armazón e está fabricado en aceiro inoxidábel, o que garante a súa resistencia e solidez. As chemineas ecolóxicas tamén dispoñen de pantallas de cristal resistentes que serven de protección a nenos e animais.  

Recomendacións
Os servizos de Emerxencias das comunidades autónomas situadas en zonas frías acostuman distribuír nestas datas follas informativas con recomendacións para os usuarios de chemineas antes de que comece o inverno. Estes son os principais consellos para esta tempada: 

-  Limpeza anual do tiro da cheminea para eliminar por completo a creosota adherida ás paredes do conduto. Se o usuario non sabe facer esta labor de mantemento, deberá encargala a unha empresa especializada. 

-  É preferíbel queimar madeiras secas, pois producen menos creosota que as madeiras húmidas. As madeiras duras de especies de tratamento lento, como o carballo e a aciñeira, producen menos creosota que as madeiras brandas de tratamento rápido como o chopo ou o abeto. 

-  Manter unha boa ventilación na estancia onde se sitúa a cheminea, pois o lume consume osíxeno e xera monóxido de carbono. Unha ventilación correcta mellorará o tiro ou movemento natural do fumo polo interior do conduto, facilitándose a eliminación completa do monóxido de carbono, que como xa se sabe é un gas tóxico.

-  Mobiliario e complementos decorativos deben se manter a unha distancia superior a un metro de distancia da cheminea. 

-  Non colocar alfombras diante do fogar de cheminea, especialmente se non ten porta ou pantalla de peche. Tampouco se deben colocar cadeiras con roupa para secar preto do fogar. 

-  Apagar a cheminea cando os residentes se vaian durmir, evitando así riscos innecesarios. 

-  Colocar un detector de incendios pode ser unha excelente medida de precaución nas vivendas con  cheminea.  


Artigos relacionados:
O culto ao sofá
Ao abrigo do frío


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.