Rutas, mapas, coches, restaurantes, noticias motor, el tiempo, hogar y mas en repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Cociña > Reportaxes > De dieta
Edulcorantes artificiais

Trátase de substancias que se empregan para dar sabor doce a alimentos e bebidas, en dietas hipocalóricas ou casos de diabete. Pero, ¿presentan algún risco demostrado estes substitutos do azucre?

Desde os anos 70, os edulcorantes convertéronse nun produto habitual nos fogares. Os estereotipos físicos que impón a moda por estar delgado contribuíron a facilitar a súa aceptación por parte da sociedade e atoparon o seu espazo nun mercado cada vez máis copado por alimentos light e baixos en calorías. Son produtos que, ao non levar azucre, precisan contar con algún compoñente que lles proporcione o sabor doce característico. 

Os edulcorantes están compostos por substancias sintéticas ou artificiais tratadas quimicamente, xa que na natureza non se poden atopar en estado puro. Un aspecto que colocou a estes produtos no ollo do furacán porque incluso chegou a se cuestionar, en ocasións, a súa influencia na aparición do cancro. Pola súa parte, as industrias dos edulcorantes artificiais deféndense insinuando que é unha estratexia das compañías produtoras de azucre, xa que o consumo deste diminuíu nos últimos tempos.

Na Unión Europea, os aditivos alimentarios autorizados desígnanse mediante un número de código, formado pola letra E e un número de tres ou catro cifras. Baixo esta letra atópanse os conservantes, colorantes ou potenciadores do sabor que, así mesmo, deben constar nas etiquetas dos produtos que se compran.  

Entre todos os aditivos que se acostuman engadir aos alimentos, os edulcorantes son, probablemente, os máis coñecidos. No caso español, dous Reais Decretos (2002/1995, BOE do 12 de xaneiro de 1996 e 2027/1997, BOE do 17 de xaneiro de 1998) fixan a lista de todos os edulcorantes autorizados, así como as condicións e alimentos nos que se poden empregar. 

Sacarina e astartamo 
Granulados, líquidos ou en pequenos comprimidos, cómodos e fáciles de transportar, entre os edulcorantes artificiais máis populares atópase a sacarina, hoxe en día aprobada en numerosos países. Descuberta casualmente en 1878 por uns químicos, a súa inocuidade foi posta en tela de xuízo nos anos 70 a raíz duns experimentos realizados en Canadá onde se considerou que podía influír directamente na aparición de cancro de vexiga. Porén, non se chegou a demostrar con certeza e a comezos dos 90 retirouse a súa proposta de prohibición por parte do goberno de Estados Unidos. A nivel de Europa, está aprobada polo Comité Conxunto de Expertos en Aditivos Alimentarios (JECFA) da OMS e polo Comité Científico da Alimentación (SCF) da Comisión Europea. 

Entre os ingredientes dos produtos light ou baixos en calorías é frecuente atopar aspartamo, unha combinación de dous aminoácidos que se atopan nas proteínas, descuberta en 1965. Desde hai algún tempo vénse utilizando na elaboración da Coca-Cola e a Pepsi-Cola. Tan só se precisa unha pequena cullerada para adozar, porque o seu poder edulcorante é 200 veces maior que o do azucre tradicional e tan só achega dúas calorías. Ao engordar menos, é o edulcorante químico que máis recomendan os especialistas. 

O aspartamo transfórmase no organismo en fenilalanina (un aminoácido esencial), ácido aspártico e metanol. Os dous primeiros son constituíntes normais das proteínas e en canto ao metanol, aínda que é un produto tóxico, a cantidade que se forma é moi pequena e non supón riscos para a saúde. 

Efectos canceríxenos
Porén, estudos realizados en Italia hai varios meses deron a coñecer que o aspartamo sería un axente canceríxeno multipotencial, incluso en doses consideradas seguras polas autoridades sanitarias. A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria tomou cartas no asunto e concluíu establecendo que, contra o que afirmaban os investigadores, non había evidencias firmes que permitisen dicir que o aspartamo fose canceríxeno en doses de 40 miligramos/Kg. A pesar disto, outras informacións publicadas establecen que pode producir dores de cabeza, soño, amnesia, molestias ópticas, hiperactividade, náuseas e reaccións alérxicas. 

Descuberto en 1937, outro edulcorante que tamén desatou a polémica en Estados Unidos foi o ciclamato. Na década dos 70, ante a sospeita de que puidese ser canceríxeno, prohibiuse o seu uso en países como Estados Unidos, Xapón e Inglaterra. Utilízase fundamentalmente en bebidas carbónicas, iogures edulcorados e como edulcorante de mesa. É unhas 50 veces máis doce que o azucre e acostumas e empregar  combinado coa sacarina xa que adoza menos que esta. Está permitido en España, pero non así noutros países. En realidade, o posíbel efecto canceríxeno non se debería ao propio ciclamato, senón a un derivado del, a ciclohexilamina, cuxo potencial canceríxeno tampouco está totalmente aclarado. O organismo humano non é capaz de transformar o ciclamato neste derivado, pero si a flora bacteriana presente no intestino.

Desde 1988 vénse utilizando en Estados Unidos o acesulfame de potasio  (acesulfame-K), un adozante sen calorías 200 veces máis doce que o azucre. Emprégase en produtos de panificación, bebidas, mesturas para preparar sobremesas e edulcorantes de mesa. Acostuma se empregar en combinación con outros adozantes baixo en calorías porque mellora o sabor doce de alimentos e bebidas. Este edulcorante non presenta ningún risco para a saúde xa que desde o momento da súa aparición pasou numerosas probas para asegurar a súa inocuidade, incluso pode ser utilizado por diabéticos. O seu uso está aprobado en 90 países e tamén conta coa aprobación da OMS e o Comité Científico sobre Alimentos da Unión Europea.

 

27 de agosto de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.