Rutas, mapas, coches, restaurantes, noticias motor, el tiempo, hogar y mas en repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Cociña > Reportaxes > De dieta
Vitamina b12, básica na formación de glóbulos vermellos

Coñecida tamén como cobalamina, a B12 é unha vitamina hidrosolúbel moi importante para a formación dos glóbulos vermellos e o mantemento do sistema nervioso central.

Ao igual que outras vitaminas do complexo B, desempeña un papel básico no metabolismo do corpo que abrangue os procesos de xeración e uso de enerxía, entre os que se inclúen o proceso de nutrición, dixestión, absorción e eliminación dos alimentos, a respiración, a circulación e a regulación da temperatura corporal. Diversos estudos tamén relacionaron o nivel de vitamina B 12 coa evolución da depresión e consideran que as persoas enfermas responden mellor ao tratamento antidepresivo se presentan unha elevada concentración en sangue desta vitamina. 

A diferenza doutras vitaminas, a cobalamina non se atopa nos alimentos vexetais, senón que se atopa presente en carnes e vísceras principalmente e en menor medida no leite e nos seus derivados, nos ovos, nos peixes, nos mariscos e en moluscos, e incluso algunhas algas como a spirulina, que inclúeen esta vitamina entre os seus moitos nutrientes esenciais.  

Ao inxerir estes alimentos ponse en marcha un mecanismo de transporte e absorción da vitamina B12 no que interveñen varias proteínas producidas e segregadas por células do estómago e do páncreas. Finalmente acábase absorbendo no íleo, a última porción do intestino delgado e posteriormente libérase ao sangue, unida a unha proteína transportadora denominada transcobalamina 2, que se encarga de distribuíla por todo o organismo.  

Carencias na alimentación vexetariana 

Como no caso doutros nutrientes, a mellor maneira de cubrir os requirimentos diarios de vitaminas é seguir unha dieta equilibrada. No caso da cobalamina, ao atoparse en produtos de orixe animal, pode ocorrer que as persoas que sigan unha dieta vexetariana e que non consuman tampouco produtos lácteos, ovos nin peixe, presenten unhas carencias que deban cubrirse con suplementos vitamínicos.  

Se existe unha carencia seria desta vitamina deteriórase a capacidade de síntese do ADN das células, esencial para que exista multiplicación celular. Isto implica unha minoración da produción das células tanto máis acusada cando se trate de tecidos con gran proliferación celular como son a medula ósea (onde se están formando continuamente os glóbulos vermellos, os leucocitos e as plaquetas) e outros como a pel e as mucosas. 

Aínda que a deficiencia nutricional desta vitamina é extremadamente rara, porén, pode presentarse pola incapacidade de ser absorbida desde o tracto intestinal, en casos de alcoholismo crónico ou en pacientes con enfermidade de Crohn (enfermidade crónica autoinmune na cal o sistema inmunolóxico da persoa ataca o seu propio intestino, producindo inflamacións en calquera lugar do tracto dixestivo).  

Anemias e debilitación xeral 

Tamén, a carencia de vitamina B12 acostuma producir anemias e unha debilitación xeral do organismo, ademais doutros síntomas neurolóxicos como debilidade e perda do equilibrio. A causa da anemia por déficit de B12 máis frecuente é a que dá lugar á anemia perniciosa, caracterizada por un erro do sistema inmunolóxico que fai que se destrúan as células do estómago que producen a proteína que facilita a absorción final da vitamina B12 no íleo.  

Os síntomas deste tipo de anemia caracterízanse pola palidez da persoa enferma, acompañada dunha tendencia á somnolencia, unha sensación de continuo cansazo e pouca capacidade de esforzo físico. En casos máis graves poden padecerse mareos, dor nas pernas porque o rego sanguíneo é insuficiente e incluso palpitacións. Nos peores casos, a deficiencia de cobalamina pode carrexar unha dexeneración da medula espiñal que ocasiona sensación de formigo nas mans e nos pés, dificultade para coordinar os movementos ao andar e unha debilidade muscular xeral.  

Para tratar a anemia por déficit de vitamina B12 é importante a razón da carencia. Ante todo, recoméndase aprender a relaxarse e a levar un ritmo de vida máis tranquilo, xa que o estrés e os estados nerviosos poden provocar diarreas que ocasionan perdas desta vitamina maiores do habitual. Recoméndase tomar unha dieta rica en proteínas, pero se se produce por unha excesiva presenza de bacterias ou parasitos intestinais, é necesario o tratamento con antibióticos.  

En ocasións, cando se trate de persoas ás que se lles extirparon parte do estómago ou do intestino delgado deberán recibir periodicamente inxeccións de vitamina B12 durante o resto da súa vida, de cara a previr a anemia, que acostuma aparecer transcorridos uns 3 ou 4 anos desde a intervención. A razón de que tarde tanto en constatarse este déficit estriba no feito de que a vitamina B12 se almacena en altas cantidades no fígado, polo que estas reservas poden permanecer sen esgotarse durante este tempo.


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.