Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > ... > Reportaxes > Pratos > Sobremesas
O caqui, doce e saudábel

Tamén coñecida como “pau santo”, o caqui é unha froita rica en vitaminas e hidratos de carbono. Posúe un sabor doce, moi suave e delicado, moi apropiado para acompañar ás carnes.

Aínda que xeralmente se emprega como sobremesa. Orixinario de China e Xapón, o caqui forma parte do grupo das denominadas “froitas exóticas”, cada vez máis habituais nas receitas e fáciles de adquirir nos mercados. No século XIX chegou a Europa polos países mediterráneos, pero houbo que esperar ata finais do XX para que esta especie lograse un certo recoñecemento. 

Existen diferentes variedades de caqui e a cor da súa pel dependerá de cál se trate. A especie chinesa coñécese como Diospyros  Kaki e posúe un alto contido en carotenos que lle proporcionan tonalidades que oscilan entre vermellas, laranxas ou amarelas cando acada a madurez, a xaponesa é a Diospyros Lotus e tamén unha terceira variedade, neste caso americana, coñecida como a Diospyros Virginiana. 

En función da variedade, o froito pode pesar desde os 70 ata os 400 gramos e a cor da polpa varía entre amarelo e laranxa. Aínda que o seu sabor é moi adstrinxente cando está verde, a medida que madura se volve suave, doce e aromático. 

O seu tamaño é similar ao dos tomates. Pode ser duro, cunha consistencia firme e madura, pel tersa e brillantes tonalidades vermellas e laranxas. É doce pero non estoxa. Fácil de pelar, tómase con garfo. 

O caqui brando,  polo contrario, é suave, cunha textura máis xelatinosa e zumarenta, polo que acostuma tomarse con culler. De menor tamaño que o caqui duro e con forma achatada, na súa madurez acada tonalidades máis vermellas que este.

Nutritivo e rico en vitaminas
Esta froita é rica en vitaminas A e B, ademais de ser unha das que máis cantidade de vitamina C achega ao organismo. A provitamina A, que posteriormente o organismo transforma en vitamina A, é unha das causantes da súa cor alaranxada. 

Así mesmo, posúe un alto contido en fibra e minerais como o fósforo, ferro e calcio e a súa pel contén substancias antioxidantes, como o tanino e fibras dietéticas. 

Outro aspecto importante é o seu alto contido de auga, que o fai moi recomendábel se se padece retención de líquidos, para purificar e renovar o corpo. 

Polo xeral, o caqui degústase nas sobremesa, cortado pola metade e cunha culler aínda que, ao igual que outras moitas froitas, tamén permite outras opcións como a elaboración de zumes, marmeladas, compotas, xeados ou xelatinas. Tamén acostuma desecarse para despois destinalo a complemento alimentario ou en  recheo de pasteis. A polpa machucada e mesturada con azucre convértese nunha crema que se emprega para acompañar aos pratos de carne. 

Sobremesas cheas de sabor
Unha torta de caqui e granada con noces pode ser un exemplo da versatilidade desta froita. Colócase fariña nun montón e engádense no centro azucre,  manteiga branda, as xemas de varios ovos e lévedo. Amásase todo rapidamente, tápase e déixase nun bol para que repouse durante unha hora nun lugar fresco. 

A continuación divídese a masa en dúas partes. Cunha delas cóbrese un molde de forno e despois engádese marmelada de melocotón, previamente mesturada con granada e bótaselle por encima unhas noces trituradas. Colócase a polpa de varios caquis e engádense máis noces. Co resto da masa fanse unhas tiras para colocalas sobre a torta a modo de enreixado e métese ao forno durante uns 45 minutos, previamente quecido a 160º. 

Con  varios caquis tamén se pode elaborar unha mousse. Para isto límpanse e pélanse as froitas e engádense dúas culleradas de azucre, o zume de media laranxa e o de medio limón. Cóllense varias follas de xelatina e amolécense en auga fría, despois escórrense e póñense nun cazo para fundilas ao baño María. Esta xelatina fundida mestúrase coa polpa do caqui e a este engádese nata montada. Esta mousse resérvase no frigorífico durante unhas catro horas. 

Por outra parte, tritúranse varios caquis e tras mesturalos co zume da media laranxa e o medio limón restantes, vértense nunha fonte de cristal, á que se lle engade a mousse de caqui, que se reparte por encima en forma de bolas. Como toque final, decórase cunhas follas de menta.

23 de abril de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.