Co outono, o olor fresco dos marmelos chega aos mercados. Durante os últimos meses o seu sabor agreo foise transformando nunha profunda dozura, ideal para acompañar unha boa táboa de queixos.
O marmelo é unha froita ligada desde tempos antigos ao Mediterráneo e a Oriente Próximo. As súas orixes localízanse en Asia Central, pero o seu cultivo pronto se estendeu por toda Europa. A súa árbore, o marmeleiro, produce unhas pezas parecidas á mazá – de feito, esta froita era coñecida como a mazá de Creta – aínda que de maior tamaño, cunha pel rugosa e de tacto suave que oscila entre amarela e verde e unha aromática pero dura polpa.
Na época das civilizacións clásicas, o marmelo estaba considerado como un alimento de deuses e ofrecíase nos banquetes de voda da antiga Grecia porque se identificaba como o froito do amor e a fecundidade.
Sabor adstrinxente
Poden adquirirse marmelos desde comezos do outono ata o principio do inverno. Os máis adecuados son aqueles que presentan a pel amarelada e intacta e un aspecto carnoso. Se se adquiren verdes, nuns días maduran en casa. Poden chegar a conservarse ata uns dez días na neveira, pero convén envolvelos por individual.
Resulta difícil comelos en cru polo seu sabor adstrinxente e amargo, ademais oxídanse rapidamente cando se cortan. Porén, o habitual é atopalo preparado en deliciosas receitas como as compotas, purés, xeleas ou o doce de marmelo, grazas ao seu contido en pectina. Ademais, combina á perfección con queixos frescos, o requeixo e as noces, polo contraste que se fai entre doce e salgado. Tamén se pode tomar acompañado de galletas, tostadas ou todo tipo de froitos secos e constitúe un aperitivo enerxético para quen precisan unha achega extra de calorías, como no caso dos deportistas.
É un produto moi valorado en repostería, que acostuma se empregar como gornición en pratos de carnes vermellas ou de caza. Unha das variedades que habitualmente se atopan nos establecementos é o doce de marmelo, tamén chamado carne de marmelo, a conserva de outono por excelencia e o doce máis común que se prepara con esta froita, aínda que non o único. É moi nutritivo, xa que o azucre que contén achega unha considerábel proporción de calorías, pero non se recomenda en caso de padecer diabete, hipertrigliceridemia ou exceso de peso, agás que ao o elaborar se substitúa o azucre por edulcorantes sen calorías.
Con queixo e noces
Os marmelos, unha vez limpos, córtanse en catro partes e cócense para que estean brandos pero enteiros. Tras cocelos, barútanse para eliminar os posíbeis gránulos interiores que puidesen quedar demasiado duros. Unha vez que se obtén esta polpa barutada, vólvese cocer e cando ferva, engádeselle azucre nunha mestura metade e metade de azucre e polpa de marmelo. A mestura déixase ao lume durante uns 20’ e xa está listo para gardalo en envases de cristal. Estes recipientes déixanse a temperatura ambiente e xa están listos para o seu consumo.
O habitual acostuma ser combinalo con queixo fresco. Pódese preparar un pastel triturando galletas maría con manteiga, ata conseguir unha pasta homoxénea, que se colocará na base dun molde de forno. Por outra parte, nun recipiente fondo mestúrase queixo fresco con relas de limón e nata montada e mestúranse ben todos os ingredientes.
Nun cazo aparte dilúese xelatina granulada en auga e cando estea preparada engádese á mestura anterior. A continuación, colócase todo no molde de forno, tápase con film transparente e déixase un par de horas no frigorífico.
Un pouco antes de que conclúa este tempo, colócase doce de marmelo nun cazo ao baño María e introdúcese ao forno, para cocelo a temperatura media ata que se desfaga. Unha vez desfeito, esténdese por encima da torta de queixo e vólvese introducir na neveira ata que sexa o momento de servilo.
O marmelo posúe numerosas propiedades beneficiosas para a saúde. Salienta pola súa abundancia de fibra e taninos, os elementos encargados de achegar a característica adstrinxente propia deste froito. Os taninos secan a mucosa intestinal (o interior do conduto dixestivo), e por esta razón, recoméndase en caso de trastornos dixestivos (como regulador do tránsito intestinal) e para favorecer a eliminación de ácido úrico. Ademais é rico en potasio e baixo en sodio, axuda a previr a astenia outonal e é recomendábel para aquelas persoas que sufran hipertensión ou afeccións dos vasos sanguíneos e do corazón que non estean asociadas a exceso de peso.
Artigos relacionados:
- As sobremesas esquecidas
- Castañas quentes
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.