Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > ... > Reportaxes > Pratos > Sobremesas
Ananás, a froita excelente

Os pobos indíxenas sudamericanos denominábana ‘ananás’ que significa ‘froita excelente’. Orixinaria de Brasil, o ananás é unha froita de aroma delicado, perfectamente válida non só como sobremesa senón tamén para realzar o sabor doutros pratos.

Os conquistadores españois trouxeron esta froita, orixinaria de Sudamérica e chamárona piña. Desde o primeiro momento tivo unha gran acollida polo seu sabor e aspecto exótico, pero pronto se presentaron problemas á hora de poder cultivala con éxito. De feito, houbo que agardar ata comezos do século XVIII, para poder conseguir os primeiros cultivos en Holanda e Inglaterra. Posteriormente as plantacións estendéronse por Australia, Sudáfrica e Hawai, de onde provén a inmensa maioría da produción mundial, xunto con Tailandia e Brasil. 

O ananás pertence á familia das bromeliáceas. Ten unhas follas longas, ásperas e aguzadas, en cuxo centro nace a flor que posteriormente se converte no saboroso ananás. Acostuma acadar un metro de altura aproximadamente e, ao tratarse dunha planta de orixe tropical, recoméndase o seu cultivo en terreos secos con ambiente cálido. 

Porén, o seu sabor exótico e doce, convérteno nun ingrediente moi demandado en gastronomía, polo que é habitual atopar invernadoiros dedicados á produción do ananás. Para saber cando está maduro hai que se fixar en que a súa base mudase a cor da cáscara do verde ao amarelo. Outro dato máis: os ananás  pequenos acostuman ter un sabor máis delicado que os grandes. 

Froita medicinal
Se algo caracteriza o ananás son as súas beneficiosas calidades para o organismo. É rico en vitaminas C, B1, B6, ácido fólico e minerais como o potasio. É coñecida por ser unha froita diurética, que contribúe á eliminación de toxinas por medio dos ouriños e que prevén o constrinximento porque contén gran cantidade de fibra. O ananás é baixo en calorías, ten unha elevada porcentaxe de auga e apenas graxa. 

Ademais contén bromelina, unha encima proteolítica que facilita as dixestións pesadas e que axuda a previr enfermidades cardiovasculares, evita a retención de líquidos e está especialmente recomendada en casos de hipertensión arterial, artrite reumatoide e obesidade. A bromelina contribúe a reducir o apetito e axuda a combater inflamacións da boca, febres ou afeccións de garganta. Acostuma empregarse para limpar feridas infectadas e facilita a cicatrización. 
Porén, é importante ter en conta que estas propiedades do ananás non se manteñen cando está enlatado ou cocido. Polo tanto, é mellor consumilo fresco. É unha froita moi sensible aos cambios de temperatura e non convén gardalo no frigorífico, porque non tolera temperaturas inferiores a 7ºC e perde todo o seu aroma e sabor. Se se decide gardar o ananás xa pelado e cortado, haberá que deixalo nun lugar fresco e seco e consumilo o antes posible.
 
Aperitivo, ingrediente ou sobremesa:
O ananás ten unha gran consideración no mundo gastronómico porque, ademais de servirse como sobremesa, preparado de numerosas maneiras, tamén se emprega para achegar un toque exótico a outros pratos, como entrante previo ás comidas e en pratos con marisco. 

 A cociña chinesa emprega frecuentemente o ananás como gornición de pratos salgados, e é que tanto o porco como o pato, carnes de sabor forte combinan perfectamente con esta froita. Os grandes chefs emprégano frecuentemente nas súas elaboracións, como é o caso das espetadas de porco e ananás. 

Está moi indicada como recheo cando se cociña pavo ou polo e incluso pode atoparse en cócteles, como a famosa piña colada, que se obtén mesturando nunha cocteleira zume de ananás e leite de coco con xeo picado. O toque final é servilo nun coco ou ananás baleiros e decorado cunha roda de limón. 

Con ela elabórase tamén unha saborosa crema de ananás. Primeiro faise un puré coa polpa e logo prepárase unha crema con varios ovos, azucre, leite e unhas culleradas de fariña. Cando esta se espese ao lume, engádeselle o puré de ananás, revolvendo ben e sérvese moi frío.

Outra suxestión é a coñecida como ananás dourado. Lávase a froita, córtase a parte superior e baléirase o seu contido con coidado de non romper a cáscara. A polpa pícase en anaquiños pequenos e mestúrase con azucre, ron e anacos de margarina. O recheo vólvese introducir no ananás e enfórnase a lume medio durante uns 20 minutos. 

Para os máis cativos da casa unha opción deliciosa é preparar xeado de ananás caseiro. Licúase a froita e aparte ponse a ferver auga con azucre. Déixase arrefriar e logo agrégaselle o zume do ananás e crema de leite. Antes de poñelo a xear pódeselle engadir anaquiños da froita. Como presentación final, pódese servir na propia cáscara do ananás de onde se sacou a polpa.

Artigos relacionados: 

- Sobremesas con froitoas

- O figo, a froita do sol

3 de xaneiro de 2008


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.