Rutas, mapas, coches, restaurantes, noticias motor, el tiempo, hogar y mas en repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > ... > Reportaxes > Pratos > Sobremesas
Sobremesas con froitas

Macedonias, compotas, sorbetes, papillotes … As froitas ofrecen infinitas posibilidades á hora de elaborar refrescantes sobremesas e en verán están no seu mellor momento. Tan só fai falta un pouco de imaxinación.

Chega a calor e con ela a necesidade de aparcar temporalmente os pratos enerxéticos. O mundo das froitas ofrece un amplo abano de cores, sabores e texturas atractivos aos ollos e saborosos ao padal, unha excelente opción coa que sorprender nas sobremesas. Desde as opcións máis simples, lavadas e crúas ata gratinadas, todo é posíbel neste campo. Ademais, as sobremesas con froitas son unha boa solución para facer que os nenos tomen froita. 

Os primeiros postos na orde de preferencias ocúpanos as sandías, refrescantes e nutritivas, ideais para realizar sorbetes, os melocotóns, unha das froitas máis saborosas que se atopan na época estival, os plátanos, que dan corpo ás macedonias, as nutritivas froitas do bosque e a piña, rica en fibra. Ademais, os xeados, iogures, o queixo fresco ou o requeixo poden converterse en estupendas salsas coas que acompañar estas pezas e coas propias froitas como melocotóns, laranxas ou albaricoques conséguense salsas que achegan un toque sofisticado a estas receitas. 

Para quen lle gusten as froitas do bosque poden elixir unha refrescante sopa, acompañada dunha bola de xeado de froita. As pezas lávanse e sécanse con papel absorbente. Por outra parte, pásase polo batedor melocotón cortado en anacos, framboesas, azucre e zume de limón e todo isto cóase. Nunha ensaladeira póñense fresas cortadas en anacos, framboesas, arandos, moras e grosellas e bótase sobre elas a salsa que se preparou anteriormente. Convén deixala repousar unhas horas na neveira antes de servir. 

Con xeado e en macedonia
Outra sinxela receita consiste en pór nun cazo con fondo groso azucre, codia de laranxa e un vaso con auga. Déixase ferver ata que se converta nun xarope claro e aromatízase con canela e zume de limón. Por outra parte, escálfanse varios melocotóns en xarope nunha cazola, ata que estean tenros, pero sen chegar a estar brandos. Pélanse e déixanse na neveira, para que se arrefríen no seu xarope. Mentres tanto, prepárase unha salsa triturando framboesas e, tras coala, engádeselle zume de limón e azucre glas. Mestúrase todo e déixase tamén no frigorífico. Á hora de presentalo, ponse nunha copa unha bola de xeado de vainilla, colócase encima medio melocotón, cóbrese coa salsa de framboesas e adórnase con nata, framboesas e améndoas fileteadas. 

Unha excelente forma de pór fin a unha comida pode ser cunha macedonia. Neste caso, pélanse varios melocotóns e córtanse en cuarteiróns medianos. Esta operación repítese con albaricoques e ameixas. Por outro lado, tómanse uvas e framboesas, lávanse, escórrense e sécanse con papel absorbente. Nun recipiente mestúrase licor de coco con zume de laranxa, coco relado e azucre. Con esta mestura réganse as froitas e déixase repousar o prato na neveira. Cando se vaia sacar o prato á mesa, as froitas colócanse de forma decorativa en cada un dos pratos e réganse co líquido da maceración. 

Unha variante desta macedonia consiste en lavar, escorrer e cortar en anacos froitas variadas como fresas, framboesas, melocotóns, cereixas e albaricoques. Colócanse nunha ensaladeira e réganse con zume de limón para que non se oxiden. Por outro lado, córtase chocolate branco en anaquiños e póñense no batedor. Mentres, hai que quecer a nata líquida nun cazo e cando comecen a aparecer as primeiras burbullas, bótase sobre el chocolate e bátese todo ata que estea cremoso. Na súa presentación, colócanse as froitas a un lado e o chocolate aparte. 

Espetadas e papillote
A cociña moderna ofrece a posibilidade de preparar espetadas de froitas. Cando se vaian elixir as pezas, deben escollerse as que estean maduras, pero sen chegar a pasarse. As pezas límpanse, córtanse e móntanse nos pinchos, de forma que as cores queden combinadas e resulten atractivos a simple vista. Póñense a cocer nunha prancha quente, déixanse un rato e logo engádese azucre. Por outra parte, mestúranse nunha xerra varios kiwis cortados en anaquiños e crema de leite, bátese todo, engádese azucre e resérvase. Nunha tixola saltéanse con manteiga unhas mandarinas cortadas en cuarteiróns e colócanse no prato como acompañamento das espetadas e a salsa de kiwi. 

Preparar as froitas en papillote, á vez que fácil de facer, resulta unha comida baixa en calorías. Tan só hai que coller froitas do bosque e melocotóns e cortalos en anacos, mesturándoos. A continuación divídense en porcións e colócanse estas sobre aluminio, con coidado de polas sobre a parte mate do papel e así evitar que se peguen. Por outro lado, mestúrase nata líquida cun pouco de mel, noz moscada e relas de lima e réganse as froitas con esta combinación. Sélase o aluminio e enfórnase uns dez minutos a lume forte. Unha vez feitas, sérvense no papillote adornadas de follas de menta fresca.

11 de xuño de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.