Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > ... > Reportaxes > Pratos > Verduras e hortalizas
As borraxes

Orixinaria de África, a borraxe foi introducida en España polos árabes. Moi resistente ao frío e ás xeadas, é a planta más representativa da familia das Boraxináceas.

Típicas porque as súas follas e talo están cubertos de pelos. De aí o seu nome, xa que “borra” en latín significa pelo, aínda que hai tamén quen suxire que podería derivar do árabe “bou-rasch” (pai da suor), en alusión ás propiedades sudoríficas das súas flores. Comprende unhas 1.500 especies que poden atoparse de forma espontánea nas rexións temperadas. A cunca mediterránea é unha zona do mundo onde abundan de maneira especial. 

Tradicionalmente, a borraxe estivo considerada como unha hortaliza de consumo local pero na actualidade está amplamente estendida. Pode atoparse  durante todo o ano en conservas, onde se presenta xa limpa e lista para cociñar, aínda que a mellor época para degustala en fresco comeza a partir do outono. Non se consume en cru. 

Verdura  perecedoira
Ao compralas, deben elixirse aquelas pezas que teñan os talos tenros e dunha cor uniforme verde brillante. Cómpre comela o antes posíbel porque é unha verdura bastante perecedoira e conservala no frigorífico, gardada nunha bolsa de plástico perforada. 

Para limpar a borraxe en casa, tras eliminar as follas, hai que pola nun recipiente con sal gorda, fregala con forza para eliminar a peculiar lanuxe que presenta e a continuación lavala con auga abundante. Ao limpala, non hai que deixala moito tempo baixo a billa, porque perde boa parte das súas vitaminas. 

As industrias só empregan os seus talos, longos e de cor verde, que posúen un sabor suave e algo doce e, polo xeral, acostuma formar parte das receitas de minestra, aínda que tamén se emprega como gornición de pratos, tanto de carne como de peixe. Combina moi ben coas patacas e resulta deliciosa cocida cun pouco de aceite de oliva, sofrita con allos, en sopas ou en recheos. 

Á hora de cociñala, recoméndase a ola a presión ou cocelas ao vapor coa mínima cantidade de auga, xa que desta forma evítase que perdan o seu contido vitamínico en maior medida. O caldo resultante da cocción é, ademais, un bo diurético. 

 A Ribeira navarra, as terras aragonesas e A Rioxa son os terreos onde se cultiva a maior parte de regadíos dedicados a esta verdura, rica en propiedades nutritivas e medicinais. Con escasas 20 calorías por cada 100 gramos, a borraxe ten fibras e minerais como magnesio, calcio e potasio. Achega doses de ferro superiores ás das espinacas e, entre as súas propiedades nutritivas, salienta o seu alto contido en vitamina C e en provitamina A, ambas con efecto antioxidante. 

Útil contra afeccións 
É diurética, sudorífica, tonificante e constitúe un excelente depurativo para o sangue. Por isto, o seu consumo está recomendado en caso de padecer hipertensión arterial, exceso peso por retención de líquidos, problemas de cálculos renais ou de estrinximento, así como dificultades para realizar a dixestión ou ter o estómago delicado. Por outra parte, ao ser diurética, permite frear as infeccións nas vías urinarias. 

Mediante presión en frío, das súas sementes obtense un aceite, rico en ácidos graxos esenciais omega 3 e omega 6 que, agás no peixe azul, é difícil atopar noutros alimentos.  Tradicionalmente, o aceite de borraxe empregouse para ter unha pel sa e previr a formación de engurras porque achega elasticidade e revitaliza, ao preservar as fibras de coláxeno. Ademais, mellora o estado das estrías e reforza as unllas fráxiles.
 
Por outra parte, é unha importante fonte de ácido linoleico, que contribúe a reducir a taxa de colesterol e a súa achega en ácido gammalinoleico axuda a previr os trastornos da menopausa. Está considerado como un regulador hormonal que equilibra o ciclo menstrual e amortece as dores a este asociados, como as molestias en costas e riles. Indícase tamén en dores reumáticas e artríticas.

As súas flores azuis con forma de estrela, aínda que son máis ben decorativas,  tamén se consumen e achegan un sabor fresco e doce ás ensaladas. As infusións de borraxe, combinadas con romeiro e eucalipto, adozadas con mel ou ben cunhas gotas de limón, axudan a suar e a reducir as décimas de febre.

É un remedio moi válido contra todo tipo de afeccións respiratorias, catarros con tose, farinxite e bronquite. A infusión de follas e flores actúa tamén como un excelente depurativo natural, tomada antes das comidas. En casos de irritación de garganta e conxestión pulmonar combínanse as follas e as flores de borraxe con agrimonia e malvarisco, a partes iguais. Férvense durante uns minutos, déixase repousar a infusión e, tras filtrar, bébese durante o día. 

 

29 de xaneiro de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.