Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > ... > Reportaxes > Pratos > Verduras e hortalizas
A cenoria como recurso terapéutico
Zanahorias

A sabedoría popular considéraa moi beneficiosa para a vista, ademais de ser astrinxente e diurética. A cenoria pódese atopar ao longo de todo o ano no mercado, pero os exemplares máis tenros e doce recóllense ao final da primavera. Ademais de utilizarse como alimento, é un dos recursos terapéuticos máis valiosos e recoméndase a todo tipo de enfermos, sen ningunha contraindicación.


O termo galego cenoria ten a súa orixe na palabra árabe "isfannariya", e é que foron os árabes os que introduciron este cultivo en España e dende aquí, estendeuse ata Holanda e o resto de Europa.  Na idade media cultivábanse distintas variedades, non obstante, ata o século XVII os horticultores dos países baixos non produciron unha variedade de cenoria alaranxada que retiña a súa cor durante a cocción e que sería a  precursora das que existen na actualidade. E é que, en orixe, esta planta era bastante velenosa, pero por medio dunha paciente selección e cruzamentos conseguiuse neutralizar o seu veleno e producir as raíces que hoxe en día se coñecen como unha fonte de vitaminas. Existen máis de 50 variedades de cenoria e basicamente distínguense pola súa lonxitude. As mellores son as pequenas, porque son máis doces, duras, cunha cor laranxa brillante, e sen gretas. Adoitan venderse atadas en mangados con penachos de follas de cor verde. Se teñen unha cor alaranxada moi intensa significa que posúen un gran contido en betacaroteno. Pola contra, se ao final da raíz hai manchas verdes, isto indica que estivo exposta ao sol, co que o seu sabor será amargo e áspero. É recomendábel non pelalas e cocelas ao vapor. O mellor é lavalas a conciencia e raspalas superficialmente, pero xusto antes de consumilas. Antes recoméndase gardalas nun lugar fresco e aireado. Na neveira poden conservarse durante unha ou dúas semanas en boas condicións. Fonte de betacarotenos
A cenoria é, despois do perexil, o alimento que contén maior proporción de betacarotenos, unha substancia que se converte en vitamina A no corpo humano e que se considera un eficaz antioxidante con propiedades anticanceríxenas e un protector de pel. Pertence ao grupo de caretanoides e contén un 1,5% de proteínas, un 7,3% de azucres, é moi pobre en graxas (0,2%) e abundante en vitaminas, especialmente a citada vitamina A. Tamén é rica en minerais como ferro, potasio, calcio e algo menos de fósforo. Ademais das cenorias, as persoas obteñen a vitamina A dunhas poucas verduras coma a col, espinacas, a batata, o brócoli ou a cabaza. Non obstante, entre todas elas, a cenoria ten entre 10 e 100 veces máis desta vitamina. Ao contrario ca a maior parte das verduras, a cenoria é máis nutritiva cando se come cocida, porque as súas paredes celulares rompen coa cocción e iso permite que o organismo converta máis do 50% a vitamina A. Segundo recentes investigacións, tamén pode protexer contra infartos e enfermidades cardíacas en xeral. Contén moita auga (case o 90%) e é hipocalórica, co que lle achega á dieta tan só un 40% de calorías. Tradicionalmente sempre se falou das propiedades desta verdura para mellorar a visión. De feito, prevén as cataratas e a enfermidade da retina e adoita recomendarse en casos de diminución da agudeza visual, conxuntivite ou hipersensibilidade á luz solar.  Ademais é diurética, axiliza a menstruación das mulleres e facilita que o organismo desintegre e expulse cálculos renais. Por outra parte  contén fósforo, co que se converte nun excelente vigorizante para as mentes cansas e tamén é unha opción excelente para fortalecer dentes e enxivas. Como posúe substancias aromáticas, está moi indicada para estimular o apetito e recoméndase nas dietas de enfermos depresivos ou con anemia. As cenorias tamén adoitan inxerirse en zumes que, así mesmo, realizan funcións antisépticas e normalizadoras do sangue. Para cociñalas hai que limpalas ben meténdoas en auga e raspar a superficie cun coitelo, sen pelar a pel, porque aquí é onde existe unha maior concentración de carotenos ou vitamina A. Axudan a regular as desordes dixestivas, casos de acidez e mala nutrición e diminúe os gases que emite o organismo, por iso é recomendábel inxerila despois das comidas. Tamén está recomendado o seu consumo en casos de reumatismo e se os problemas son de tipo respiratorio, o mellor é tomar este zume mesturado cun pouco mel ou zume de limón. Tamén é moi recomendábel a mestura do zume de cenoria co de laranxas acabadas de espremer. Protección para a pel
O consumo cotián de cenorias, rico en carotenos, ofrece unha protección básica á epiderme cando a pel se expón aos raios solares e ao tratarse dun eficaz antioxidante prevén os efectos negativos da idade. Os carotenos teñen grandes virtudes dietéticas, manteñen a pel hidratada e á vez protéxena da influencia negativa do sol. Ademais, como  os seus betacarotenos activan a produción da melanina, recoméndase comer cenoria uns días antes de tomar o sol, porque se protexe a epiderme e ademais favorécese o bronceado. Estes betacarotenos neutralizan os radicais libres, moléculas reactivas que danan as membranas das células e o material xenético que conteñen. No verán especialmente, os betacarotenos actúan contra estes radicais que se xeran por unha excesiva exposición ao sol.  Esta verdura tamén pode aplicarse sobre a pel en cataplasmas feitas coa polpa fresca, relada e crua. Prepáranse fervidas en leite, espolvoreadas con azafrán e regadas con aceite de améndoas. Son excelentes para as anxinas. En cataplasmas quentes dan moi bos resultados como emoliente en problemas de furúnculos, xa que  diminúe a inflamación, calma a dor, desinfecta e favorece a cicatrización. Outra aplicación da cenoria crua e finamente moída é contra as gretas que aparecen na pel durante o inverno. Tamén pode usarse o seu zume empapado en gasas  para curar as gretas das mamilas nas nais lactantes.
 

10 de agosto de 2005


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.