O bo tempo convida a gozar fóra da casa. Unha grellada é unha forma diferente de cociñar, na que é necesario preparar ben o lume, elixir os ingredientes e controlar que a xornada transcorra con total seguridade.
Organizar unha grellada preséntase como unha tarefa que evoca unha xornada ao aire libre, no xardín da casa, gozando en familia ou cos amigos. Para poder conseguir que sexa perfecta non está de máis ter en conta unha serie de cuestións.
Nesta forma de cociñar, acender o lume é un punto fundamental. O combustible máis empregado adoita ser o carbón, tanto en bloques coma en tizóns. Tamén podes utilizar madeira, especialmente se a idea é cociñar os alimentos afumados. As grellas de gas (pdf) son máis sofisticadas, prácticas e seguras e funcionan transmitindo a calor a unhas pedras especiais. Ademais, son fáciles de transportar e, para poñelas en marcha, só hai que abrir a chave do gas, de forma que a calor se transmite á prancha e á grella. O seu mantemento tamén é sinxelo, xa que só necesita que as pedras se manteñan secas e que a bombona de gas non permaneza exposta ao sol. Máis doado é cubrir todo o equipo cunha funda.
Nas grellas tradicionais, para acender o lume, podes queimar pólas secas ou papel de periódico, enchoupar en alcohol para que prenda antes ou usar unhas pastillas especiais para acender. Non debes comezar a asar ata que o carbón ou a madeira non mostre unha capa de cinza gris ou branca. Ten en conta que se utilizas outros materiais inflamables como a gasolina, impregnarán co seu cheiro os alimentos que vaias cociñar.
Á hora de elixir os ingredientes para a túa grellada, os mellores cortes de carne son os da zona do lombo. Se elixes cordeiro ou porco, procura que sexan exemplares novos e no caso do porco mellor se o cortas en porcións pequenas. É preferible que se fagan con lume lene, así conseguirás que a codia quede crocante. Canto máis gordo sexa o cacho de carne, máis lonxe do lume terás que poñelo, para que non se queime por fóra e quede cru por dentro. Se é máis fino, mellor que o coloques preto das brasas. Se asas costelas, pon primeira a parte do óso.
Se mercas filetes de tenreira, convén que engraxes a grella antes de colocalos enriba e, cando lles vaias dar a volta, emprega mellor unhas pinzas. Deste xeito, evitarás picar a carne e que perda os zumes. Outra recomendación para evitar que quede seca é que lle botes o sal despois de feita, porque este condimento tamén extrae os zumes da carne crúa. A grella debe estar quente, porque se pos a carne enriba da grella fría, quedará pegada a ela.
Se tes pensado incluír peixe no teu menú pódelo facer envolvéndoo en papel de aluminio, coa parte brillante cara a dentro para que conserve o seu zume. Uns minutos antes de que se termine de facer, abres o paquete e así o peixe impregnarase do aroma do carbón. Mais, se a túa idea é facelo á grella, non esquezas engraxala ben, para que non parta ao darlle a volta. As verduras frescas á grella son perfectas para acompañar estas comidas e pódense preparar como acompañamento ou espetadas. Como toque final, non poden faltar as herbas aromáticas para condimentar ou as salsas para realzar o sabor do prato, entre estas, como non, a salsa barbacoa.
Gozar sen contratempos
Non esquezas que o lume é un elemento que pode chegar a ser moi perigoso. Tanto se é móbil coma se é fixa, non debes permitir que os nenos se acheguen á grella, nin xoguen nas súas inmediacións. Asegúrate de que non hai preto materiais inflamables e ti debes tomar precaucións: se es a persoa que cociña, non esteas sen camiseta ou con pantalóns curtos. Ten en conta que se hai vento, as lapas pódense avivar e queimarte. Tampouco esquezas ter a man unha mangueira ou un cubo para evitar calquera conato de incendio imprevisto.
E nunca, baixo ningún concepto, reavives ou volvas prender as brasas con alcohol ou gasolina, porque pode inflamarse o líquido que contén a botella.
Artigos relacionados
- Cociña caseira da avoaNota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.