Espresso, con latte macchiato, capuccino… son termos que cada vez se escoitan con máis frecuencia á hora de degustar un saboroso café en casa. A nova xeración de cafeteiras permite sentirse como no mellor establecemento sen se mover da butaca.
É a bebida máis popular do mundo. O mercado do café no estado español move millóns de euros ao cabo do ano e é un sector que conta cun gran potencial, habida conta da cultura arraigada que existe de degustar un bo café, tanto no almorzo, como a media mañá ou tras a comida.
Á hora de adaptarse aos hábitos da vida moderna, o sector das cafeteiras está en plena renovación. Unha das últimas novidades que apareceron recentemente no mercado son os sistemas monodoses e de cápsulas perfectamente seladas para protexer o café dos efectos da luz, a humidade e o ar e que permiten facer nuns segundos un café denso e aromático.
Nalgúns países europeos como Holanda, Bélxica ou Francia, este segmento das doses individuais representa xa unha parte importante do mercado do café, mentres que o segmento das máquinas de café espresso está evolucionando á alza, con crecementos superiores ao 17% e supón xa un 30% do mercado. En determinados espazos como oficinas e empresas considérase un negocio consolidado e agora o seguinte paso é a súa consolidación nos fogares.
Cómodo de preparar
Os expertos cafeteiros recoñecen nestes sistemas de cafeteiras a calidade e conservación do produto, así como a comodidade da súa preparación. En realidade, non se trata dun novo produto, senón dunha forma nova de ofrecelo e a competencia no mercado é crecente, xa que cada marca lanza os seus sistemas, pero moitos non son compatibles entre si.
O inconveniente estriba en que cada marca de café lanza as súas propias cápsulas que só funcionan co modelo de cafeteira, pero non cos modelos da competencia. Desta forma, unha vez comprado o modelo, tan só pode prepararse café coas variedades de cápsulas que presenta. Porén, pouco a pouco comezan a aparecer no mercado algúns modelos que permiten tomar tanto o café da marca indicada como o doutras, en formato unidose ou ben en café moído.
Por medio da combinación de diferentes cápsulas de café, leite e chocolate pódense obter, de maneira limpa e rápida, ata doce especialidades diferentes, entre elas o espresso intenso, o espresso decaffeinato, o latte macchiato e o cappuccino. Ademais, tamén ofrecen a posibilidade de degustar chocolate quente.
Finamente moído
Para obter un saboroso café espresso é importante controlar ben a súa preparación. As porcións de café, chamadas monodoses, presentan o café envasado nun filtro de papel que contén a cantidade de café idónea co moído e prensado axeitado, para conseguir un café espresso perfecto de sabor, cor e aroma. As cafeteiras quentan auga axudándose de moita presión e inxéctano contra a cápsula de café. Para que a auga atravese o café, é necesario que o moído se faga moi fino.
É importante utilizar auga mineral natural, porque a da billa, pola súa concentración calcaria pode influír na calidade do café. Por outra parte, o café debe estar axeitadamente torrado, finamente moído e de xeito uniforme, para que a auga a presión non atope ocos por onde pasar con excesiva facilidade.
O resultado é un café instantáneo, cheo de aroma. Algunhas cafeteiras espresso contan tamén cun sistema de vapor que permite quentar leite, auga para infusións ou conseguir espuma de leite para preparar café cappucino.
Esta nova xeración de cafeteiras pode adquirirse tanto en tendas especializadas como en grandes superficies, mentres que as cápsulas se compran en establecementos de alimentación en xeral. Este sistema de monodoses ademais é rápido, cómodo, limpo e hixiénico, o que asegura que o aroma, un dos trazos distintivos do café, se vai conservar ao máximo.
No mercado é posible atopar así mesmo cafeteiras que combinan diferentes sistemas, moi indicadas naqueles fogares nos que a cada un lle gusta o café dun modo distinto, xa que permiten preparar o café de toda a vida co sistema de goteo, pero tamén un café cremoso co sistema espresso.
Artigos relacionados:
- O chocolateO máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.