Rutas, mapas, coches, restaurantes, noticias motor, el tiempo, hogar y mas en repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Cociña > Reportaxes > Trucos
A cociña, ese espazo descoñecido
Principiante

Para moitas persoas cociñar é unha materia pendente que nunca se deciden a afrontar. O medo a non saber seguir as instrucións dunha receita, as dúbidas que poden xurdir a cada paso ou simplemente a falta de ganas, fan que se deixe de lado un campo no que poden entrar sen problemas. Para iso está a cociña para principiantes.

 
Ata os máis renomeados xefes de cociña do mundo pisaron, no seu día, unha cociña por primeira vez. Como sucede con outras tantas cousas, hai quen dende un primeiro momento manifesta unha atracción total polos fogóns e quen se resiste a abandonar a comida a base de precociñados ou latas.
 
O atafegado ritmo de vida nas grandes cidades unido á falta de tempo e á incorporación da muller ao traballo son algunhas das causas que fan que moitas  persoas opten por comer de forma pouco equilibrada, a base de rápidas visitas aos restaurantes para comer moitas veces de pé. Non obstante, non hai que contentarse con comer calquera cousa porque, ademais, preparar un bo menú non é tan custoso nin difícil como parece.
 
Para alimentarse ben e comer a gusto é preciso contar cunhas nocións mínimas de nutrición e coñecer algunhas das receitas máis sinxelas. Polo xeral, adoita ser bastante habitual que quen nunca cociñou tampouco se encargara de facer as compras. Antes de ir á tenda, convén elaborar unha lista na que se apunten os alimentos que se necesiten.
 
Así evitaranse posíbeis esquecementos e ter que volver ao estabelecemento. Agás o pan, o máis habitual adoita ser realizar semanalmente as compras de verduras, froita, iogures, carne ou peixe deixando para comprar ao mes aqueles que se poden almacenar sen problemas como aceite, azucre, conservas ou arroz.
 
Á hora de organizar o frigorífico, é imprescindíbel fixarse na data de caducidade dos produtos e mirar as cantidades que se compran, para así poder consumilos sen que cheguen a estragarse. A carne, o peixe e a froita son alimentos perecedoiros que convén adquirir en pequenas proporcións, mentres que outros produtos como a pasta, o arroz ou as conservas teñen unha vida útil máis longa.
 
Aínda que se tenda a recorrer a eles, hai que evitar encher o frigorífico de precociñados para cando se chegue tarde á casa ou sen ganas de cociñar. O peixe pódese adquirir xa conxelado. Cando se compra carne, unha opción é conxelala en paquetes individuais que se sacarán segundo se necesiten. Así evitarase desconxelar unha cantidade de comida á que non se lle pode dar saída nun curto prazo.
 
Desconxelar con microondas
Unha vez que se cociñe un prato, se desexa conxelarse, o máis práctico é colocalo nun recipiente apto para o microondas, para que tanto a desconxelación como o feito de quentar a comida poidan facerse no mesmo envase. A poder ser, convén evitar conxelar patacas ou pasta. As primeiras adoitan endurecer e a segunda queda amolecida.
 
Cando non existe un costume de planificar as comidas de véspera adoita ser habitual que se esqueza sacar do conxelador o que se vaia comer e é no preciso momento de cociñar cando se cae na conta.
 
Neste punto, a primeira idea adoita ser meter a peza conxelada no microondas para que desconxele, pero non é unha boa idea, porque o produto desconxela pero queda como cocido por dentro e logo xa non se cociña correctamente.
 
Para desconxelar ben hai que comezar poñendo o microondas á menor potencia posíbel, colocar despois o alimento durante un ou dous minutos e comprobar como está. Se necesita máis calor, vólvese repetir a operación ata conseguir que desconxele. A desconxelación tamén se pode realizar na parte menos fría do frigorífico pero nunca a temperatura ambiente, para evitar o risco de intoxicacións.
 
Receitas en tempo marca
No mundo gastronómico existen numerosas receitas que non requiren excesivos coñecementos culinarios e poden prepararse de forma sinxela e en pouco tempo. A pasta  e o arroz adoitan ser dous clásicos cando quen cociña é alguén non experimentado. Son ingredientes doados de preparar que ademais permiten innumerábeis combinacións, dende unha simple salsa de tomate ata acompañados de verduras.
 
Se se quere preparar un prato de legumes hai que poñelas a remollo de véspera. Este paso previo é imprescindíbel pero a continuación tan só hai que cocelas uns minutos na pota a presión cunha pouca verdura, carne ou peixe, a gusto de quen cociña. Se non se ten moito tempo, no mercado existen botes tanto de legumes coma de verduras que ademais de resultar moi doados de preparar, poden almacenarse gardados durante máis tempo.
 
Cando aperta a calor, un prato sinxelo e nutritivo son as ensaladas, nas que poden incluirse non só a leituga e o tomate senón outros ingredientes, dende o atún ou o ovo cocido ata a mesma pasta, arroz, xamón ou queixo mozzarella.
 
Cando se vaia preparar un prato de carne, hai pequenos "toques" para dar un sabor distinto, dende engadir unha salsa ata gornicións de hortalizas salteadas. Isto tamén serve  no caso de cociñar peixe, podendo acompañalo con verduras ou patacas.
 
Cando as presas xoguen en contra, hai receitas que poden elaborarse en tempos marca. En menos de dez minutos poden cociñarse pratos como luras á romana, uns ovos escalfados, unha sopa fría de melón con xamón ou un batido de amorodos. Con marxe duns vinte minutos pódense degustar fabas ao pobre, ovos reenchidos, peixe con pementos, unha crema de cabaza ou un sinxelo arroz branco.
 

15 de febreiro de 2006


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.