Día a día o fogar benefíciase dos continuos avances que se producen en domótica e tecnoloxía. Un deles é o CM Zone, un novo aparello que aproveita ao máximo o gasto enerxético e é moito máis respectuoso co ambiente.
Este novo sistema de control facilita o aforro de ata un terzo do consumo enerxético, o cal limita o seu negativo impacto no medio ambiente sen renunciar ao confort en casa. Datos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) sinalan que a calefacción e a auga quente supoñen o 64% do consumo de enerxía dos fogares en España.
Desde a empresa que comercializa CM Zone, Honeywell, explícase que, así como non se manteñen acendidas simultaneamente todas as luces dunha vivenda, tampouco é lóxico que estean en funcionamento todos os radiadores. O exemplo é válido: se unicamente se acende a luz dunha habitación na que hai alguén, o mesmo debe facerse coa calefacción.
Gran comodidade
Un sistema de zonificación de temperatura como este inclúe un programador central conectado, a través de ondas de radio, cun número ilimitado de termóstatos que interactúan cunhas válvulas termostáticas instaladas nos radiadores. Só transmite mensaxes durante períodos curtos, cando é necesario.
O mando que é o centro do sistema encárgase de abrir e pechar as válvulas dos radiadores para subir ou baixar a temperatura en cada zona. Así se controla o ambiente de cada habitación durante o tempo que se usa.
Igual que se fosen interruptores, con estes dispositivos pódese seleccionar o grao de calor de cada estancia de maneira independente e de acordo coas necesidades de cada persoa. Evidentemente consúmese menos enerxía, porque só se activa a calefacción naquelas áreas que están en uso e afórrase diñeiro.
A zonificación da calefacción é recomendábel para calquera vivenda, pero sobre todo se ten varias alturas, grandes ventás, ático, soto, zonas abertas...
Nin cables nin cambios
Outra das vantaxes de CM Zone é que se instala facilmente. Non precisa cables nin modificacións nas tubaxes e adecúase a todo tipo de infraestrutura, independentemente da instalación de cada vivenda. O mando central, ao ser sen fíos, pode colocarse en calquera lugar. Para colocar cada termóstato só hai que quitar as válvulas antigas e pór no seu lugar o termóstato intelixente. Da mesma forma, grazas ao seu deseño modular, o circuíto pódese ampliar sen ningún problema.
Honeywell leva un século traballando no control que permite aumentar o confort no fogar. De feito, comercializou o seu primeiro termóstato de ambiente con reloxo en 1906. Anos despois, en 1954, patentou o "termóstato redondo", xa un clásico, pero que, despois dalgunhas actualizacións séguese manexando na actualidade.
A mesma empresa introduciu algúns anos máis tarde unha gama de termóstatos programábeis dixitais que permite elixir diferentes temperaturas en distintas horas do día e para cada día da semana.
O lanzamento de CM Zone aumenta aínda máis as posibilidades do fogar intelixente. Coa súa instalación, xa non haberá que soportar que o cuarto de baño estea frío pola mañá, nin será necesario pagar por quentar as habitacións baleiras, nin aguantar frío ou excesiva temperatura noutras. Acabouse o desperdiciar calor cando se ventila a casa.
Por outro lado, a filosofía de programación deste produto, combinada co principio operativo "unha función, un botón" fai que o sistema sexa fácil de programar e usar. Ademais, dada a súa máxima eficiencia garante maior vida para a caldeira, xa que só se acende cando é estritamente necesario.
Este innovador sistema axuda ao usuario a definir climas diferentes para cada habitación ou para cada zona a un custo razoábel. O orzamento de instalación non é superior ao dun sistema convencional. Mantén temperaturas óptimas a calquera hora do día ou da noite. Aforra enerxía e gastos de funcionamento sen diminuír confort. CM Zone pode reprogramarse, modificarse ou apagarse todo de forma rápida e sinxela e desde un único lugar. Deste modo, se alguén da casa quere ler pola noite cunha temperatura confortábel só ten que abrir a válvula do radiador.
Calquera instalador de calefacción pode responder ás dúbidas dos usuarios. Tamén pode obter máis información no sitio web www.cm-zone.com.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.