
Agás no momento do arranque, o consumo das lámpadas fluorescentes é moi eficiente.
Por este motivo, un axioma universalmente aceptado é que nas estancias que han de estar permanentemente iluminadas é preferíbel usar tubos fluorescentes e lámpadas compactas que utilicen esta mesma tecnoloxía en lugar de focos ou lámpadas incandescentes. Aínda que o prezo destas lámpadas é máis elevado, co tempo resultan máis económicas. De feito, está comprobado que a duración aproximada dos fluorescentes pode chegar a ser dez veces maior e que consomen catro veces menos enerxía. Unicamente hai que ter en conta que estas luminarias teñen un maior consumo ao prendelas ca o gasto de enerxía que supón mantelas sen apagar en espazos curtos de tempo. A vida útil dos fluorescentes rolda as 5.000 e 7.500 horas. Aínda que poden durar moito máis, tras este período diminúe de forma patente o fluxo luminoso. Máis cantidade de luz con menos watt
Pero para conseguir aforrar enerxía é fundamental saber como funcionan os dispositivos e aparellos, cales poden ser os diferentes tipos de enerxía que consomen e o aproveitamento que se pode obter deles. Un fluorescente é unha fonte luminosa que se produce debido a unha descarga eléctrica orixinada dentro dunha atmosfera de gas inerte na que se encerra vapor de mercurio a baixa presión. Neste ambiente xérase un fenómeno lumínico que se coñece como fluorescencia. Normalmente trátase dun tubo de vidro que está recuberto por dentro dunha substancia fluorescente. No interior do tubo áchase un gas nobre ou inerte (argon, cripton, neon...) enrarecido con partículas de mercurio. A radiación ultravioleta do vapor de mercurio transfórmase en radiación visíbel. Deste modo, unha lámpada compacta fluorescente de 32 watt, por exemplo, produce a mesma cantidade de luz ca unha incandescente de 75. Existen numerosos tipos de lámpadas fluorescentes que permiten o aforro de enerxía eléctrica: AR (arranque rápido), AI (arranque instantáneo) e, polo xeral, adoitan ser circulares ou en forma de U. A potencia oscila entre os 17 e os 60 watt. Consellos de uso e instalación
As lámpadas fluorescentes máis habituais son un tubo lineal. Normalmente son rectilíneas, aínda que tamén se atopan en forma de U ou redondas. O diámetro dos tubos pode ser de 7 mm, 16 mm, 26 mm ou 38 mm. Coñécense pola súa denominación en oitavos de polgada: T2, T5, T8 e T12... Os máis pequenos requiren ser alimentados a través de equipos electrónicos. En canto á eficacia lumínica (cantidade de luz por watt de potencia) polo xeral, a menor diámetro maior eficacia. A temperaturas baixo cero, o rendemento lumínico dos fluorescentes baixa. Non obstante, varias marcas fabrican lámpadas con recubrimentos especiais ou con dobre tubo illante para iluminar os lugares máis fríos. Para reducir gastos convén iluminar exclusivamente os espazos que sexa preciso coas lámpadas e tubos axeitados. A continuación expóñense algúns consellos:
-A luz debe estar apagada sempre que non sexa necesaria. Pero no caso das lámpadas ou tubos fluorescentes, se hai que ausentarse dunha estancia durante un período de tempo inferior a 15 minutos non será aconsellábel apagalas, porque teñen un maior consumo durante o arrinque que o gasto de enerxía que supón mantelas sen apagar un espazo curto de tempo. Por outro lado, o proceso de arranque tamén reduce o tempo de uso de elementos como os cebadores ou o propio fluorescente.
-A luz diúrna é a mellor, por iso é conveniente manter cortinas e persianas abertas mentres haxa luz solar e realizar numerosas actividades aproveitándoa.
- Nos lugares onde non se requira moita iluminación poden usarse focos de 25 watt, que moitas veces tamén serán suficientes para iluminar dende as lámpadas múltiples.
- Algunhas luminarias dispoñen dun regulador de intensidade, tamén chamado "dimer" para graduar a luz ao mínimo necesario. Tamén poden usarse temporizadores e reloxos que permitan programar o arranque ou a interrupción de corrente cada certo tempo ou a unha hora determinada.
-É recomendábel colocar interruptores de presenza que entran en funcionamento unicamente cando detectan as persoas.
-A utilización de lámpadas compactas fluorescentes tamén asegura o aforro en consumo. Son aquelas formadas por un tubo de entre 10 e 16 mm de diámetro dobrado en forma de U invertida. Polas súas pequenas dimensións permiten ser utilizada onde as lámpadas lineais de potencias semellantes non caben.
- Para traballar nun escritorio ou mesa de despacho o mellor é utilizar unha lámpada de mesa fluorescente.
- Tanto lámpadas fluorescentes como incandescentes han de permanecer limpas de po para que a sucidade non bloquee a luz que emiten.
É indispensábel por motivos de seguridade manter en óptimo estado a instalación eléctrica. Ademais, unha instalación en malas condicións gasta máis enerxía e pode danar os aparaellos. Síntomas como a diminución da intensidade da luz ao conectar algún enchufe ou apaello, variacións na imaxe da televisión, significan que a situación da instalación eléctrica non é a axeitada ou que algo se atopa en mal estado.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.