Co verán cada vez máis preto vemos como o aumento de horas de luz, o cambio de hora estival e a sucesión de días cada vez máis cálidos teñen unha clara influencia nos nosos hábitos e, en consecuencia, na maneira en que gastamos enerxía nos nosos fogares.
A chegada do bo tempo trae consigo o apagado dos radiadores ata ben entrado o outono, pero case simultaneamente os aparellos de ar acondicionado comezan a ocupar o seu lugar na tarefa de climatizar o ambiente. Por outra parte o aumento de horas de luz solar e o cambio horario tamén supoñen unha menor necesidade de iluminación artificial, pero... Canto inflúe realmente todo isto na factura?, vexámolo.
Aforramos enerxía co cambio horario?
O cambio horario para aproveitar mellor a luz solar comezou a aplicarse en Alemaña durante a Primeira Guerra Mundial. Posteriormente fóronse sumando máis países a esa iniciativa, especialmente a partir da crise do petróleo dos anos setenta, e actualmente a Comisión Europea obriga a todos os Estados membros ao seu cumprimento, que vai desde o último domingo de marzo ao último de outubro.
Os países máis beneficiados son os situados máis ao Norte, xa que canto máis preto do Ecuador se estea, a duración dos días en inverno e en verán é similar. Porén, non faltan as voces críticas con esta medida, que alegan as molestias causadas na poboación por ter que cambiar os seus hábitos nunha especie de pequeno “jet-lag”, os posibles malentendidos e a falta de coordinación e, especialmente, o mínimo aforro de enerxía que supón.
Aínda que é difícil realizar estimacións ao respecto, considérase que o cambio horario supón un aforro de entre o 0% e o 0,5% de electricidade. O que se traduce aproximadamente nuns seis euros ao ano por fogar. Hai que ter en conta que a maior parte da xente polas mañás está nos seus centros de traballo, polo que un horario de inverno no que as horas sen luz solar estean pola tarde trasladará o gasto aos particulares. Non obstante, hoxe en día o gasto en iluminación sobre o total é cada vez menor, debido á proliferación de toda clase de electrodomésticos cuxo consumo, evidentemente, non depende de que haxa luz solar.
O ar acondicionado en verán
Coa chegada do bo tempo hai unha diminución do gasto na factura do gas, pero non ocorre o mesmo coa factura da luz. Aínda que tradicionalmente o consumo de electricidade foi máis elevado en inverno, desde hai varios anos en España o gasto en electricidade durante o verán aumentou ininterrompidamente de maneira que durante xullo e agosto se chega a uns picos de consumo equivalentes aos dos meses máis fríos do ano. Isto débese á proliferación de aparellos de ar acondicionado, omnipresentes en oficinas e comercios e agora xa en case a metade dos fogares españois.
Estes aparellos consumen unha elevada cantidade de electricidade, polo que adoptar algunhas medidas pode supornos un aforro na factura. Así por exemplo, é recomendable empregar toldos, persianas, cortinas, fiestras con bo illamento e proceder a ventilar as casas nas horas nas que faga menos calor. Ademais unha excesiva refrixeración en espazos pechados como casas e oficinas pode traer consigo problemas de saúde, ao someter o organismo a unha excesiva variación de temperatura ao entrar e saír á rúa. Por isto é aconsellable marcar nos sistemas de ar acondicionado unha temperatura de polo menos 24 ou 25 graos.
Artigos relacionados
- A evolución da enerxía no fogar I: O control da temperatura
- A temperatura ideal para cada estancia
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.