A calefacción caldea a casa mediante unha caldeira, que quenta auga que circula por tubaxes que conectan radiadores axeitadamente repartidos. Estes dispositivos son intercambiadores de calor concibidos para elevar a temperatura dunha estancia. Unha bomba de circulación impulsa a auga quente procedente da caldeira cara a estes aparellos.
Cando se inventaron os radiadores supúñase que a calor se intercambiaba por radiación (propagación de enerxía en forma de ondas electromagnéticas ou partículas subatómicas), de aí a palabra. Pero este fenómeno, a grandes trazos, soamente é certo nos casos nos que a temperatura superficial supera os 70º C. Hoxe, ben é verdade que a maior parte do tempo a calor intercámbiase por convección, xa que debido á xeneralización dos sistemas de regulación os radiadores non acostuman acadar tanta temperatura.
A convección é unha transferencia de calor que se caracteriza porque se produce a través dun fluído (ar ou auga) que transporta a calor entre zonas con diferentes temperaturas. Así, o ar dunha habitación, ao quentarse, aumenta de volume de modo que diminúe a súa densidade e ascende, desprazando o fluído que se atopa na parte superior e que está a menor temperatura. Convección en si é o transporte de calor por medio das correntes ascendente e descendente do fluído.
Disipadores de calor
Aínda que ás veces se utilicen como sinónimos, un radiador e unha estufa diferéncianse en que no primeiro non existe produción de enerxía, mentres que na segunda si. O radiador unicamente disipa a calor que lle chega das tubaxes polas que circula auga previamente quentada nunha caldeira, tal e como se dixo, que non ten por qué estar situada próxima ao lugar.
A cantidade de calor disipado varía segundo a diferenza de temperaturas existente entre a superficie do radiador e o ambiente ao seu arredor. Tamén é diferente segundo o tamaño da propia superficie en contacto con ese ambiente. Se a superficie de intercambio é grande e existe gran diferenza de temperatura o intercambio será maior.
Os radiadores precisan pequenos labores de mantemento que basicamente consisten nun purgado periódico. Mediante esta tarefa baléirase o ar que puidese entrar na rede de tubos e que podería impedir ou dificultar a entrada de auga quente aos elementos que conforman o circuíto. Cando o ar se elimina, o nivel de auga sube e o radiador volve funcionar perfectamente.
Por isto, un radiador sempre incorpora un purgador, ademais dunha chave de paso, unha toma de entrada para auga quente e outra toma de saída para auga arrefriada. Tamén conta con outra chave que serve para o equilibrado hidráulico e para desmontalo, que se denomina detentor. É importante asegurarse tamén de que haxa presión suficiente na instalación.
Pero de pouco serve purgar un radiador se este perde auga. Por este motivo, o primeiro que hai que facer é asegurarse de que non hai fugas. Convén apertar as porcas, tendo en conta que a maioría dos escapes se producen na entrada do radiador. Recoméndase apertar a porca de unión e tamén a conexión de saía da parte inferior.
Por outro lado, os novos modelos adoptaron criterios funcionais e estéticos que os converten nunha peza máis da decoración. O aluminio, o aceiro inoxidable e o ferro fundido son os materiais máis empregados na fabricación destes aparellos.
Polo demais, para que os radiadores se manteñan en bo estado só é necesario limpalos con frecuencia para impedir que o po e a graxa se acumulen sobre eles.
Vantaxes
Estes sistemas de calefacción atópanse entre os máis empregados. Acostuman alimentarse con gasóleo para calefacción, propano ou gas natural. Calquera das tres modalidades caracterízase pola súa comodidade. Unha vez feita a instalación, no caso do gas, ben sexa natural ou propano, esta enerxía pode ser utilizada tanto como calefacción como para a produción de auga quente, así como para os lumes da cociña e o forno.
Entre as vantaxes que representa a calefacción con radiadores salienta que permite unha fácil regulación da calor mediante a instalación dun ou varios termóstatos. Ademais, ofrece unha calor saudable, máxime se se compara con sistemas de ar, pouco aconsellables para as persoas con problemas alérxicos ou respiratorios.
Artigos relacionados
- Sòl radiant, la calefacció invisible
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.