Rutas, mapas, coches, restaurantes, noticias motor, el tiempo, hogar y mas en repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Enerxía na casa > Reportaxes > Educar na ciencia
Educar para a sustenta- bilidade

Se existe un intento serio de facer fronte ás ameazas que axexan a Terra, este debe pasar pola educación dos máis pequenos no aforro de enerxía e a reciclaxe, así como pola potenciación de comportamentos que axuden a mitigar os problemas derivados da degradación do planeta.

 

En 2002 reafirmouse a idea expresada na Declaración do Primeiro Cume da Terra (Río de Xaneiro, 1992) de que os seres humanos temos dereito a unha vida sa en harmonía coa natureza. Os xefes de Estado e os gobernos mundiais que participaron ese ano no Congreso Mundial para o Desenvolvemento en Johannesburgo subliñaron que a educación é a base do desenvolvemento sustentable e aprobaron a resolución 57/254. Hoxe atopámonos na Década ESD (Educación para o Desenvolvemento Sustentable), que vai de 2005 a 2014.

"O Decenio das Nacións Unidas para a educación con miras ao desenvolvemento sustentable pretende promover a educación como fundamento dunha sociedade máis viable para a humanidade e integrar o desenvolvemento sustentable no sistema de ensino escolar a todos os niveis", sinala a UNESCO. Chamamentos, aínda que non tan explícitos, neste sentido, veñen realizándose desde a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano celebrada en Estocolmo en 1972.

Cambio estrutural duradeiro
A educación en prol da sustentabilidade é precisa para transformar concepcións, hábitos e perspectivas de vida. Constitúe a clave da formación de futuros cidadáns social, económica e ambientalmente comprometidos. Pero o proceso é lento. É necesario, ademais, un alto grao de implicación. Non obstante, numerosas institucións xa iniciaron accións educativas concretas. A co-responsabilidade de todos fará que sexa posible un cambio estrutural duradeiro. 

Urxe desenvolver condicións ambientais, sociais e económicas que garantan unha existencia sustentable. E esta tarefa non só lle compete ao mundo educativo senón a toda a sociedade. Precisa do respaldo e o compromiso non só dos gobernos, tamén do sector privado. É preciso superar esa tendencia, imperante durante décadas, de defensa dos intereses e dos valores particulares a curto prazo.

Biocentrismo versus antropocentrismo
O futuro depende en gran medida do modelo de vida dos seres humanos. Un cambio estrutural supón adoptar actitudes respectuosas coa sociedade no seu conxunto e o entorno na súa concepción máis ampla. Ningunha acción illada resulta suficientemente efectiva.

Unha educación menos antropocéntrica ha de pórse a traballar a favor dun futuro a curto, medio e longo prazo mellor para todos. O que se propón basicamente é promover unha educación solidaria que contemple o biocentrismo, que trata a especie humana como unha máis dentro do ecosistema. 

Pódese falar de crecemento económico sustentable. Existe o convencemento de que é compatible o impulso da competitividade cun desenvolvemento respectuoso cos indicadores ambientais e sociais. Para isto é necesaria unha formación que analice os problemas ambientais e do desenvolvemento na súa globalidade. Tamén se debe desvincular o concepto de hiperconsumo, ligado a un crecemento económico non sustentable, do verdadeiro desenvolvemento. No Cume de Johannesburgo (2002) quedou patente que o 15% dos habitantes que viven nos países de altos ingresos é responsable do 56% do consumo total do mundo.

Entre as condutas que a educación sustentable debe promover, salienta o consumo responsable, presidido polas tres "R", reducir, reutilizar e reciclar, e o impulso do comercio de produtos obtidos con procedementos respectuosos co medio e coas persoas. Tamén é moi importante o impulso de avances tecnolóxicos que favorezan a sustentabilidade.

As medidas tecnolóxicas deben cumprir os que se denominan "principios obvios para o desenvolvemento sustentable": as taxas de extracción de recursos ou recolección non deben superar  ás de rexeneración e as de emisión de residuos deben ser inferiores á capacidade de asimilación dos ecosistemas cara aos que se emiten.

E se a suma dos comportamentos individuais supón un aforro enerxético per cápita pequeno, ao multiplicar o aforro individual polo número de persoas que o poden efectuar, este representa unha gran redución da contaminación ambiental. É importante acrecentar esta suma ata lograr un efecto irreversible.

Por todo o anterior, faise necesario un esforzo sistemático para incorporar a educación para a sustentabilidade como obxectivo básico na formación dos seres humanos que no futuro dominarán o planeta.

Artigos relacionados

Aforro de enerxía nas empresas

Aforrar enerxía no fogar

14 de xaneiro de 2008


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.