Un mecanismo dotado de termóstato é un sistema de control que permite pechar ou abrir un circuíto eléctrico en función da temperatura. Estes dispositivos manteñen o grao de calor.
E incluso de humidade, se están preparados para isto, nun punto predeterminado. A tecnoloxía fixo dos termóstatos aparellos de moitos tipos: dixitais, analóxicos, mecánicos, electrónicos, proporcionais, dunha ou máis etapas... Hoxe os termóstatos ostentan un coidado deseño estético, están concibidos como mandos ergonómicos de uso sinxelo cunha electrónica capaz de integrarse plenamente coa máquina á que dan servizo.
En realidade, estes compoñentes da calefacción, as billas, o forno ou o ar acondicionado poden ser tan simples como unha lámina bimetálica ou tan complexos como un microprocesador. Do que se trata con eles é de asegurar un determinado nivel de conforto ou de eficacia.
Modulación programábel
Mediante a modulación da temperatura os termóstatos poñen en marcha ou non os aparellos, axudando a reducir a factura enerxética e logrando un aforro importante de recursos e emisións de CO1. No caso da calefacción acenden ou apagan a caldeira dependendo da temperatura da habitación ou habitacións onde estean colocados.
Os termóstatos actuais máis modernos son aparellos programábeis facilmente comprensíbeis para o usuario. Ás veces, nunha vivenda atópanse áreas demasiado quentes debido á súa exposición aos raios solares, por exemplo. Así, empregando un termóstato programábel con varios sensores, pódese apagar automaticamente a calefacción pola noite ou cando non se estea en parte ou en toda a casa. No verán, pódese aforrar diñeiro ao quitar automaticamente o ar acondicionado a certas horas ou cando o ambiente acade o punto de frescor apetecido.
É fácil aforrar ata un 10% ao ano en calefacción e ar acondicionado unicamente baixando na mesma proporción o termóstato ou programándoo de forma automática, instalando un control automático ou un sistema programábel para axustar as horas en que se queira acender o sistema de climatización, de calor ou frío. Desta maneira, o sistema funciona segundo un horario preestablecido e a toda capacidade só onde se lle indique e cando a casa ou parte dela estea ocupada.
Múltiples instrucións
Os termóstatos dixitais programábeis permiten proxectar a temperatura do fogar grao a grao e case, minuto a minuto. Son capaces de almacenar e repetir instrucións de hora e temperatura varias veces ao día e pódense cancelar sen que afecte ao resto da programación diaria ou semanal.
As versións máis sofisticadas permiten ao usuario programar temperaturas diferentes para distintos momentos do día ou da semana. Xeralmente, estes equipos conéctanse a través de cables eléctricos, aínda que algúns están dotados dun sistema de radiofreucencia.
Un cronotermóstato modulante é un aparello de regulación e control que axusta a potencia da caldeira dependendo da temperatura da habitación, da temperatura desexasda e da hora. Combina a función de reloxo e a función de termóstato nun so aparello. Estes mecanismos de última xeración poden chegar a aforrar un 3% máis de enerxía que un termóstato normal. O aforro respecto a unha instalación sen termóstato pode chegar a ser ata de 20%.
A colocación de válvulas termostáticas nos radiadores regula a calor de cada un deles. A súa función consiste en pechar o paso dos que estean en cuartos con maior radiación solar ou abrilo nos lugares situados ao norte ou en sombra.
Mecanismos como estes proporcionan a vantaxe engadida que supón definir distintas temperaturas de conforto para cada estancia, combinando así o conforto e o aforro enerxético. Estes reguladores adáptanse a numerosas configuracións. Algo tan sinxelo como un termóstato, sexa electromecánico, electrónico ou dixital, mantén o gasto de enerxía baixo control e ao mesmo tempo axuda aos membros do fogar a sentirse cómodos.
É importante instalar o termóstato afastado de fontes de calor como unha cheminea, lámpadas, ventás, televisores e quentadores para evitar que falsee as lecturas. O seu correcto funcionamento fará que o equipo de ar acondicionado e de calefacción traballen de maneira máis eficiente.
Os sensores termostáticos que manteñen a temperatura regular atópanse dispoñíbeis nun gran número de modelos. Normalmente están constituídos por un fol a presión de vapor recheo dun gas, líquido ou cera termosensíbel.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.