A sauna en casa, sen pedir hora nin se desprazar, deixou de ser un luxo só ao alcance das economías máis podentes. Hoxe no cuarto de baño de numerosas vivendas instálanse equipos capaces de ofrecer marabillas en forma de chorros de auga, burbullas e vapor.
Os beneficios da hidroterapia coñécense desde a antigüidade. Non se trata dun descubrimento novo nin dunha moda do noso tempo, pero hai que recoñecer que os avances da industria do sector foron considerables nos últimos anos. Cabinas herméticas, columnas, bañeiras de hidromasaxe, jacuzzis e billas termostáticas marcan tendencia.
A todo isto hai que sumar os novos revestimentos, cada vez máis acolledores, para as zonas de aseo, e elementos como os radiadores-toalleiro, que constitúen unha excelente opción para alongar a experiencia dun baño pracenteiro.
As saunas pertencen aos chamados baños de calor en inmersión. Someten todo o corpo a unha temperatura superior á normal para provocar no organismo a posta en marcha dos seus mecanismos termo-reguladores, que son principalmente a vasodilatación e a transpiración.
A sauna
Chámase sauna normalmente a un baño de calor seco a moi alta temperatura e cunha humidade relativa no ambiente que non debe superar o 30%. Fisicamente acostuma ser un habitáculo revestido dunha madeira especial capaz de absorber case na súa totalidade a humidade ambiente. Tecnicamente componse dun xerador de calor e un mecanismo de funcionamento para o seu manexo e regulación de temperatura.
O tamaño da sauna depende do número de persoas que vaia acoller. Polo xeral calcúlase unha superficie 0,8 metros cadrados por persoa cunha altura de 2,05.
Unha sauna semanal contribúe ao benestar físico e psíquico: relaxa, purifica, embelece… As persoas máis adeptas atribúenlle unha acción antidepresiva, sedante e equilibradora. Tamén resaltan a eficacia terapéutica dos baños de calor para combater algunhas afeccións respiratorias, xa que favorecen a broncodilatación e a expectoración. Do mesmo xeito, algunhas enfermidades dexenerativas como a artrite ou o reumatismo vense aliviadas.
Non obstante, os baños de calor están contraindicados para aquelas persoas que padecen algunha deficiencia cardíaca ou do sistema circulatorio e non deben abusar dela quen teña a tensión alta, os enfermos de arterioesclerose nin de afeccións pulmonares graves, como a tuberculose, ou con trastornos de orixe hepática ou renal.
Existen empresas que se encargan da montaxe da sauna e da súa posta en marcha nos propios domicilios. Para manter a cabina en bo estado só hai que limpar periodicamente cun cepillo e un desinfectante os bancos, a reixa do chan e as paredes externas.
Variedades
A característica do baño de vapor ou finlandés é que o vapor húmido impregna todas as partes do corpo. Tamén posúe múltiples accións benéficas sobre o organismo, pero non pode acadar as elevadas temperaturas das saunas.
A ducha escocesa consiste nunha cascada central que se complementa coa acción de chorros laterais de auga comprimida a gran presión. Unha poderosa masaxe é a resultante da combinación destes elementos. O equipo completo pode colocarse e funcionar á perfección no espazo dunha ducha convencional.
A diferenza existente entre a sauna e outros baños, como os turcos, radica na baixa porcentaxe de humidade existente nunha sauna, que permite soportar sen agonía altas temperaturas (entre 70 e 100 graos centígrados).
No fogar non se pode falar literalmente de spa, aínda que canto máis espazoso máis servizos ofrece. Pero, ao seu nivel, o baño doméstico estase a converter nunha arma contra o estrés, un lugar onde ao rematar a xornada se busca unha sesión pracenteira e reparadora lonxe do ruído. Unha simple cabina de ducha con columna de hidromasaxe emula os ambientes de calor e frío de equipamentos que hai uns anos só se podían atopar en establecementos especializados.
Artigos relacionados
- Controlar a temperatura da auga na ducha
- Os SPA, balnearios urbanosO máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.