
As lámpadas fluorescentes compactas son excelentes aforradoras de enerxía, máxime se se ten en conta que o gasto enerxético en iluminación supón preto do 20% do consumo eléctrico do fogar.
Nalgunhas casas carentes de suficiente luz natural este gasto pode chegar a acadar a metade do recibo da luz.
Así, unha soa destas lámpadas compactas é capaz de economizar durante o seu período total de uso uns 140 litros de petróleo ou 150 quilos de carbón. A combustión destes combustíbeis fósiles afórranas as centrais eléctricas e, polo tanto, redúcense as emisións de CO2.
Tipos de lámpadas
No mercado pódense atopar sen dificultade tres clases de lámpadas. As máis clásicas, cuxo invento se lle atribúe a Edison, son as incandescentes. Levan alumeando á humanidade máis dun século. Non obstante, o principio polo que emiten luz segue sendo o mesmo: a luminosidade prodúcese ao pórse incandescente un filamento de tungsteno cando a corrente pasa por el.
Ben é certo que co paso do tempo diversificáronse os seus acabados e as súas formas, pero as características son moi similares. Sen dúbida o custo por unidade deste tipo de lámpadas é o máis barato, aínda que se se compara con outros e se ten en conta a súa relación prezo/durabilidade ao final saen máis caras.
A duración destas lámpadas oscila entre as 1.000-1.200 horas de luz. Tras ese tempo de emprego, o filamento de tungsteno comeza a evaporarse e remata por partirse ou fundirse. De feito, acostuma ocorrer que co uso a súa luz se vaia tornando menos intensa debido a que o tungsteno que se vai desprendendo remata por adherirse á parte interior do casco.
As lámpadas halóxenas, pola súa parte, teñen maior durabilidade e potencia luminosa. Están tratadas quimicamente para non ennegrecer, o que fai que a súa duración sexa polo menos o dobre de horas das incandescentes. Hainas a tensión de rede e acostuman ir equipadas cun regulador de intensidade, xa que a súa potencia pode ir desde o 100 aos 1.000 vatios. Hai outras a baixa tensión que precisan un transformador porque a súa potencia é moi inferior á tensión de rede.
O interior das lámpadas de baixo consumo está cheo de vapor de mercurio a baixa presión. Ao producirse a descarga eléctrica prodúcese unha luz ultravioleta que ao entrar en contacto co po fluorescente que recobre o tubo xera luz normal. Este é o tipo de lámpada que máis se desenvolveu nos últimos anos.
Ampla gama
A característica principal das lámpadas de baixo consumo é a súa capacidade de converter a enerxía en luz e non en calor, tal e como o fan as lámpadas de incandescencia tradicionais. Adáptanse aos cascos comúns. A única pega que teñen é que o seu rendemento empeora co frío, por iso é mellor empregalas en interiores.
Algo que hai que ter en conta, se se vai substituír unha lámpada incandescente por unha de baixo consumo, é que para producir a mesma luz precisan estas últimas un número de vatios moi inferior. Por outro lado, desde o nacemento das lámpadas compactas as súas vantaxosas innovacións fan cada vez máis accesíbel a súa utilización.
As fluorescentes compactas de uso doméstico poden chegar a acadar 15.000 horas de funcionamento e un aforro do 80%. Pero non só se avanzou en aforro e duración senón tamén en niveis de iluminación. Por exemplo, existen compactas cunha tecnoloxía capaz de regular a súa intensidade sen necesidade de reguladores adicionais, simplemente co interruptor da luz, e outras que se acenden ao anoitecer e se apagan de forma automática ao amencer.
As lámpadas de baixo consumo aconséllanse especialmente para áreas que precisen iluminación de forma prolongada, posto que o seu maior inconveniente é que consomen máis enerxía ao ser acendidas.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.