Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol
Casa e fogar Enerxía na casa

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Enerxía na casa > Reportaxes > Fogar enerxético
Solares no tellado

O Código Técnico de Edificación (CTE) obriga ás novas construcións a contribuír ao gasto de auga quente sanitaria con enerxías renovábeis. O obxectivo consiste en conseguir un uso racional da enerxía necesaria para manter os edificios. Notarao o consumidor?, e o Medio ambiente?

A partir do 29 de marzo de 2007 debe aplicarse obrigatoriamente o que establecen todos os documentos do CTE, do que se espera un impulso para as enerxías renovábeis polo avance que vai supor na instalación de captadores solares tanto térmicos con fotovoltaicos. 

Ben é verdade que o prezo das vivendas se encarecerá entre un 0,70% e un 1%, dependendo do tipo de construción, aínda que o sobrecusto se verá compensado por unha redución da factura enerxética dos consumidores, estimada entre o 30% e o 70% para a auga quente pola achega enerxética das placas solares. Ademais, existen subvencións para a instalación de captadores solares nas vivendas en rehabilitación e de nova edificación na maioría das comunidades autónomas. Calquera pode investir en enerxía solar converténdose en produtor de enerxía.

Rendibilidade 
Os equipos para aproveitamento da enerxía solar son tecnoloxicamente fiábeis e rendíbeis. O investimento en paneis solares, ao mesmo tempo, amortízase co aforro que se obtén.

Existen dous tipos de placas solares: as térmicas, que aproveitan a calor do Sol para quentar auga con diversos usos, e as fotovoltaicas, que transforman a luz solar en electricidade. Para poder optar por unha das dous modalidades é preciso un pequeno estudo das necesidades de cada inmoble. Ambas son impermeábeis, polo tanto poden usarse como material de cubrición. No caso dos captadores fotovoltaicos é moi importante a súa orientación. Tamén existen procedementos para facer orientábel o tellado solar mediante o xiro dun conxunto de paneis. 

Calquera instalación solar debe ter un dilatado período de garantía que asegure que todos os elementos que a compoñen cumpran eficazmente o fin para o que están destinados. A duración da placa estímase para máis de 30 anos. Aínda que non fose obrigatoria a súa instalación, pola súa rendibilidade podería ser interesante estudar a posibilidade cando menos de deixar feita a súa preinstalación, é dicir que quede todo listo para colocar as placas nun futuro.

Os sistemas son diferentes segundo se van destinados a auga quente sanitaria, piscinas ou calefacción. Poden ser captadores planos ou de baleiro, bombas dobres para funcionamento alternativo, depósitos de acumulación con protección contra a corrosión, intercambiadores de calor... Os paneis solares son un complemento interesante de apoio á calefacción, sobre todo para instalacións por solo radiante. Non obstante, as instalacións de enerxía solar térmica case sempre precisan un apoio de sistemas de produción de enerxía convencionais, baseados no gas, o gasóleo, etc. 

O CTE establece a obrigatoriedade dun plan de revisión permanente, xa que sen un correcto mantemento ningunha instalación produtora de enerxía lograría un resultado eficiente.

Consecuencias ambientais
O aproveitamento térmico da enerxía solar xa se emprega en moitos edificios, sobre todo en Alemaña. E é que as beneficiosas consecuencias ambientais deste aforro enerxético están calculadas: máis de 8.200 toneladas ao ano de anhídrido carbónico deixarán de emitirse por cada 5.000 vivendas que conten con este tipo de tecnoloxías. 

Todo tipo de edificios poden utilizar esta enerxía, ben sexan comunidades de veciños, casas unifamiliares e incluso industrias. Estas instalacións son sinxelas de instalar e o seu custo é cada vez máis baixo, ademais de que colaboran co concepto de desenvolvemento sustentábel.  

En España xa hai numerosas empresas de enxeñería e instalación especializadas en sistemas solares que asesoran a cada cliente sobre os compoñentes e tecnoloxías máis adecuados para as súas necesidades co fin de garantir un óptimo rendemento.

25 de xuño de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.