Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Enerxía na casa > Reportaxes > Innova enerxía
Coxeración, a enerxía do futuro

Pode dicirse que a coxeración é unha técnica que permite producir nun único proceso calor e electricidade, co obxectivo de economizar enerxía. A súa xeneralización podería converterse nunha ferramenta efectiva na loita contra o cambio climático.

Defínese a coxeración como a produción e o aproveitamento conxunto de enerxía eléctrica e enerxía calorífica. Este proceso é eficiente, en canto a que contribúe ao aforro enerxético e diminúe os niveis de contaminación. A súa eficiencia fundaméntase no aproveitamento da calor residual na produción de electricidade.

Os sistemas de coxeración producen simultaneamente enerxía eléctrica ou mecánica e calor. A calor aprovéitase para xerar enerxía térmica útil. Esta é a razón pola que han de estar asociados a un centro consumidor de enerxía térmica.

Unha central de coxeración de electricidade-calor funciona con turbinas ou motores de gas. O gas natural é a enerxía máis empregada para facer funcionar estas grandes ou pequenas instalacións de coxeración, pero tamén poden utilizarse outras fontes de enerxía e mesmo residuos. 

Así, existen plantas de coxeración destinadas ao aproveitamento enerxético do biogás producido polos residuos urbanos. Pero, xa sexa de maior ou menor dimensión, existe un abano de posibilidades moito maior para instalacións de coxeración. Posto que se trata de xeración nun mesmo proceso de enerxía eléctrica e calor útil, pódese empregar en practicamente todas as industrias e instalacións que consuman calor ou frío e naquelas que utilicen vapor e/ou auga quente, dende piscinas climatizadas a compañías químicas, papeleiras ou alimentarias, sen esquecer outras que requiren procesos de secado, como a minaría, a cerámica e similares.

Beneficios

A coxeración aforra enerxía mediante a produción combinada de calor e electricidade. A diferenza doutros procesos enerxéticos nos que se obtén só enerxía eléctrica, con este sistema aprovéitanse tamén enerxías valorizábeis como o vapor de auga resultante. Mentres unha central eléctrica convencional desaproveita os fumes que saen directamente pola cheminea, os gases de escape da coxeración son primeiro arrefriados e transmiten a súa enerxía a un circuíto de auga quente/vapor. Desta forma, a utilización da coxeración mellora o rendemento deste tipo centrais e doutras instalacións.

Entre os beneficios que achega, ademais dunha diminución do consumo de enerxía primaria, está a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Por outro lado, o descenso de perdas de enerxía na rede eléctrica redunda nun aumento da garantía de potencia e calidade do servizo, así como nunha maior competitividade industrial no sector eléctrico. 

Moitas plantas e moi distribuídas

Ao constituirse moitas plantas, pequenas e moi distribuídas, prodúcese unha importante contribución á seguridade e estabilidade do abastecemento enerxético, e ao desenvolvemento sostíbel. Tanto é así que se estima que sen as plantas de coxeración a porcentaxe de incumprimento de España co seu compromiso de Kioto sería unha 5% superior ao actual.

Bruxelas considera que o potencial da coxeración de cara ao aforro enerxético está sendo infrautilizado actualmente na Unión Europea. En 2004 publicouse a Directiva 2004/8/CE do Parlamento Europeo e do Consello, que ten como obxectivo a creación dun marco para o fomento e desenvolvemento da coxeración de alta eficiencia de calor e electricidade "baseado na demanda de calor útil e no aforro da enerxía primaria". 

Segundo esta directiva, as centrais de coxeración de electricidade-calor poden alcanzar un rendemento enerxético da orde do 90%. O seu procedemento é máis ecolóxico, xa que durante a combustión o gas natural libera menos dióxido de carbono (CO2) e óxido de nitróxeno (NOX) que o petróleo ou o carbón. O desenvolvemento da coxeración podería evitar a emisión de 127 millóns de toneladas de CO2 na UE en 2010 e de 258 millóns de toneladas en 2020.

En España espérase que a coxeración siga incrementando a súa participación na xeración eléctrica. No ano 2011 estímase que haberá 7.100 MW instalados cunha produción de 38.000 GWh incluíndo o autoconsumo. 

Na actualidade utilízanse diversos sistemas ou técnicas de coxeración. Basicamente son tres: os chamados de ciclo combinado -que empregan unha turbina de gas e outra de vapor-, os que usan un motor alternativo e os que se valen de microturbinas.

Artigos relacionados:
Transmitir electricidade sen cables
A instalación eléctrica

6 de marzo de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.