
Racionalizar e facer un bo uso do consumo enerxético dá como resultado unha redución da contaminación e, polo tanto, un beneficio para o medio e a nosa saúde.
A mediados dos oitenta os científicos empezaron a percibir como o noso planeta, progresivamente, aumentaba a súa temperatura. A causa era a concentración de certos gases na atmosfera, sobre todo de anhídrido carbónico (CO2) e a consecuencia dese quentamento traduciríase en graves repercusións para os ecosistemas. A Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) certificou que o clima non só se volve máis cálido, senón tamén máis inestábel. dende un punto de vista ecolóxico, a inquietude fundaméntase nas subas do nivel do mar e no aumento das temperaturas, que probabelmente incrementará os problemas de abastecemento de auga e levará consigo a extinción de numerosas especies de plantas e animais. A expansión de enfermidades infecciosas e a aparición de novas epidemias poderían ser outras consecuencias. Combustíbeis fósiles
As investigacións sobre o efecto invernadoiro conclúen que a fonte principal de emisión dos gases causantes deste fenómeno é a queima de combustíbeis fósiles, é dicir, carbón, petróleo e gas natural. Non obstante, estes recursos son necesarios e do que se trata é de explotalos e consumilos dunha forma adecuada, para que poidamos gozar dos beneficios que nos reportan. Os preto de catorce millóns de fogares censados en España como residencia principal verquen á atmosfera un cuarto dos gases de efecto invernadoiro. Cada familia é responsábel da emisión de máis ou menos 5 toneladas. Para o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) é preocupante que, mentres que a industria conseguiu controlar o seu consumo enerxético e reducir as súas emisións contaminantes nos últimos cinco anos, a demanda enerxética dos fogares practicamente duplicouse. Unha enquisa realizada pola Confederación Española de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios (CEACCU) revela que só un 20% dos españois fai todo o posíbel para aforrar enerxía, fronte a un 80% que admite utilizala de xeito inadecuado. O aumento de consumo débese á instalación de novos equipos pero tamén polo mal uso que facemos da enerxía. Xestos como: Deixar luces acendidas en estanzas baleiras, non pulsar o interruptor do televisor para apagalo ou manter durante horas o ordenador funcionando son suficientes para desaproveitar unha enorme cantidade de enerxía. Polo tanto, un consumo racional dos recursos enerxéticos é a mellor forma de aforrar e de non contaminar o medio. O IDAE pretende aplicar un Plan de Acción que supón medidas de control en canto ao consumo de enerxía non só para a industria, senón tamén para as explotacións agrícolas, o sector comercial, de servizos e de transportes así como para os fogares. Trátase de xuntar esforzos para cumprir o Protocolo de Kioto, que adxudica ao noso país unha marxe de crecemento das emisións de gases de efecto invernadoiro do 15% para o período 2008-2012 respecto a 1990, marxe que España non só superou senón que mesmo duplicou. Máis limpo máis barato
Ademais, o consumo desmedido dos recursos enerxéticos non só prexudica ao medio e cuestiona a continuidade da calidade de vida no planeta, senón que tamén afecta negativamente ao presuposto familiar. De feito, o gasto medio das familias en enerxía medrou desmesuradamente nos últimos anos, en gran parte debido ao mal uso que se fai dela. Para reducir as facturas e, sobre todo, contribuír a facer da Terra un mundo mellor e máis habitábel para todos, basta con aplicar uns cantos principios de eficiencia nas actividades do día a día e nas decisións de compra. Para empezar, as vivendas de nova construción deberían incluír na memoria de calidades, ademais de información sobre os acabados e as calidades dos materiais, datos sobre a súa calidade enerxética, é dicir, as características dos peches e acristalamentos, dos illamentos (non só nos muros de separación con outras vivendas, senón tamén nos tabiques interiores, teitos e chans) e dos sistemas de calefacción, auga quente sanitaria e aire acondicionado. Á hora de equipar o fogar, sexan as que sexan as súas condicións, sempre se pode racionalizar o consumo eléctrico mediante a substitución das lámpadas incandescentes por lámpadas de baixo consumo, ter presentes as necesidades reais e evitar mercar aparatos máis grandes e potentes do necesario, ademais de observar a clasificación enerxética dos electrodomésticos. De igual modo, e dende novembro de 2002 é obrigatorio que os vehículos teñan unha etiqueta que reflicta o seu consumo de carburante e as emisións de CO2.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.