O 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Esta celebración é un dos principais instrumentos das Nacións Unidas para sensibilizar a todos os habitantes do planeta sobre a necesidade de coidar o entorno natural e para atraer a atención dos responsables políticos e mobilizar accións pertinentes ao respecto.
Esta data, igualmente, constitúe un bo momento para que cada cidadán, desde a súa vida cotiá, poida reflexionar sobre a mellor maneira de preservar a natureza. Cada cal, viva onde viva, traballe onde traballe, debe procurar desde casa e desde o seu posto de traballo economizar en enerxía para axudar así a preservar o medio ambiente.
O obxectivo é motivar o maior número de persoas para que se convertan en protagonistas activas do desenvolvemento sustentábel, o cal garantirá que todos os habitantes da Terra albisquen un futuro máis prospero e seguro.
Quentamento global
Noruega é sede este ano do Día Mundial do Medio Ambiente, precisamente para chamar a atención sobre a situación ambiental nas rexións polares, para pór o dedo na chaga que constitúen as graves ameazas ás que se expoñen o Ártico e a Antártida.
Nas rexións polares tómase o pulso a influencia humana en todo o planeta, xa que é alí onde primeiro queda rexistrada. O cambio climático no Ártico á súa vez ten consecuencias sobre o clima global. Por outro lado, esta área comeza a se volver unha zona interesante turisticamente e polo seu petróleo e gas. O constante movemento de xente fai que os hábitats xeados se volvan sumamente vulnerábeis.
Tanto é así que cada década que pasa o Ártico perde o 15% da súa superficie xeada e este feito estase producindo a unha velocidade o dobre de rápida da que prevían os científicos. Os polos son como sentinelas, como reservorios do que pasa nas rexións temperadas, sosteñen.
Redución de emisións
Ante este grave panorama, que pode facer o cidadán de a pé? Innumerábeis actitudes poden contribuír a mellorar a situación. Entre elas, algunhas como as que se citan a continuación:
· Substituír as lámpadas normais por outras de baixo consumo, que permiten un aforro de enerxía de ata o 80%.
· Aforrar auga mantendo ben pechadas as billas da casa e coidando de que as cisternas e outros elementos non teñan fugas. De igual modo, debe optarse pola ducha en lugar do baño.
· Non abusar do ar acondicionado, xa que libera gases CFC moi prexudiciais para a capa de ozono.
· Usar papel e outros materiais reciclados. Intentar aforrar e reciclar no posíbel, escribindo e fotocopiando polas dúas caras, por exemplo. O papel prensa é o máis fácil de reciclar. Se en España se reciclase a décima parte dos xornais dun ano deixaríanse de cortar 700.000 árbores.
· Separar o lixo adecuadamente para que poida ser valorizado mediante a reciclaxe e póidase proceder coa materia orgánica á elaboración de compost.
· Nunca tirar o lixo fóra dos recipientes adecuados. No caso das medicinas, hai que lembrar que existen contedores especiais nas farmacias.
· Non ensuciar o monte e participar en campañas de limpeza do entorno natural.
· Contemplar a posibilidade de cociñar e consumir produtos da agricultura e gandería biolóxicas.
· Utilizar sempre que sexa posíbel os medios públicos de transporte, os menos contaminantes. Camiñar, ir en bicicleta, subir as escaleiras andando…
· Compartir o coche para ir ao traballo e noutros desprazamentos.
· Manter limpo o barrio e o entorno máis inmediato.
· Plantar árbores.
· Promover a educación ambiental entre os máis cativos.
· Rexeitar o consumismo, reparar e reutilizar todo aquilo que mereza a pena.
· Evitar os envases dun só uso, preferir os envases reciclábeis de gran capacidade e, a ser posíbel, reutilizábeis.
· Acostumarse a usar pilas recargábeis.
· Á hora de envolver os alimentos hai que considerar que o aluminio é un material difícil de reciclar, polo tanto débese moderar a súa utilización.
Porque as costumes diarias dos cidadáns teñen moito que ver coa degradación do planeta. Actitudes aparentemente banais como tirar o lixo sen separalo ou consumir de forma irracional son responsábeis en gran medida da contaminación ambiental.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.