Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Enerxía na casa > Reportaxes > Enerxía e ambiente
A auga, fonte de vida

Sen auga non hai vida, nin na Terra nin no resto do universo. Pero a existencia do líquido elemento no noso planeta é cada día máis precaria. Tanto é así que resulta apremante adoptar un enfoque integrado e sustentable para a ordenación e aproveitamento dos recursos hídricos.

As reservas actuais de auga non poden satisfacer a demanda como consecuencia do alto crecemento da poboación. Nacións Unidas quere acabar coas pautas de consumo insustentables, as prácticas de ordenamento deficientes, a contaminación, o investimento insuficiente en infraestruturas e a utilización pouco eficiente da auga.

Para lembrar estas e outras cuestións, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a resolución A/RES/47/193 pola que a finais de marzo de cada ano se celebra o Día Mundial da Auga. En torno á auga, este ano 2008, declarado Ano Internacional do Saneamento, xirará tamén a Expo de Zaragoza. Todos os países do mundo formúlanse o desafío de impulsar medidas en relación cun problema que afecta polo menos a unha de cada tres persoas no planeta.

O Día Mundial da Auga, que este ano se celebra o xoves día 20 de marzo, ofrécenos a oportunidade de pór de relevo certas situacións. E é que cada 20 segundos morre un neno como consecuencia das pésimas condicións de saneamento que padecen uns 2.600 millóns de persoas, o que significa millóns de vidas truncadas por causas que a humanidade sabe ben como previr. 

As malas condicións dos servizos de saneamento xunto coa falta de auga potable e unha hixiene inadecuada son factores que contribúen a engrosar a terrible cifra de mortos a nivel mundial. Os pequenos vense privados de ir á escola ao tempo que as enfermidades relacionadas coa hixiene impiden que os adultos poidan realizar un traballo produtivo. 

Obxectivo do Milenio

Cando se aprobaron os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio no ano 2000, propúxose reducir á metade a porcentaxe de persoas que non tiñan acceso a servizos básicos de saneamento para 2015, pero aínda estamos moi lonxe de acadar esa meta. Estímase que en 2015, aínda 2.100 millóns de persoas carecerán de servizos básicos de saneamento. Ao ritmo actual, a África subsahariana non acadará o obxectivo fixado ata o ano 2076. 

Se ben se lograron progresos, os avances vense dificultados polo crecemento da poboación, a pobreza xeneralizada e a insuficiencia dos investimentos para atallar un problema que en ocasións se une ao da escaseza de auga ou ás catástrofes provocadas por un exceso de choivas. Algúns cálculos apuntan que cada dólar que se inviste en auga e saneamento redunda nunha actividade produtiva por valor de 7 dólares, que se suma ao incalculable beneficio que supoñen a redución da pobreza, a mellora da saúde e o aumento do nivel de vida. 

Máis alá da concienciación

Nacións Unidas quere aproveitar o Día Mundial da Auga 2008 para chegar máis alá da simple concienciación. Quere tratar de impulsar a adopción de medidas que permitan lograr unha diferenza significativa na vida das persoas.

O ano pasado o lema foi "Afrontar a escaseza de auga". A celebración puxo de relevo a necesidade dunha cooperación e unha integración maiores para garantir unha xestión sustentable, eficiente e equitativa dos escasos recursos hídricos. Quedaron de manifesto os desequilibrios entre a dispoñibilidade e a demanda; a degradación da calidade das augas subterráneas e as augas superficiais; a competencia intersectorial e as disputas interrexionais e internacionais. Uns 700 millóns de persoas en 43 países sofren escaseza de auga.

Esta cifra podería aumentar a máis de 3.000 millóns para 2025, xa que no futuro se precisará aínda máis auga para a agricultura, a subministración de auga potable e os servizos de saneamento, o funcionamento das industrias e o apoio ás cidades en expansión. 

Os obxectivos de desenvolvemento do Milenio salientan a importancia do acceso á subministración de auga potable e uns servizos de saneamento axeitados, algo que incuestionablemente separa as persoas que teñen vidas saudables e produtivas das que viven na pobreza. Para evitar no posible esta brecha o período 2005-2015 foi declarado Decenio Internacional para a Acción "A auga, fonte de vida".

Artigos relacionados

Aforra auga e loita contra a desertificación

Seca e produción de enerxía hidroeléctrica

17 de marzo de 2008


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.