Tras meses de obras e proxectos, xa funcionan en España algunhas instalacións de enerxía fotovoltaica, que converten a luz solar en enerxía eléctrica.
As células solares cristalinas de silicio son, polo xeral, as responsábeis desta transformación enerxética. Trátase de superficies de paneis fotovoltaicos de diferentes modelos e tecnoloxías, como o silicio policristalino, monocristalino e amorfo, ou os concentradores solares dotados de tecnoloxías baseadas na captación da radiación mediante lentes de Fresnell. Algunhas delas dispoñen de seguidores orientados de aceiro galvanizado, que seguen a traxectoria do Sol para que a radiación incida perpendicularmente sobre as placas, co que aumenta a produción de electricidade.
O Plan de Enerxías Renovábeis 2005-2010 (PER) persigue un aumento considerábel da produción de enerxía solar fotovoltaica. O novo plan fixa este obxectivo en 400 MW instalados para o 2010, o que suporía unha produción anual de 609 GWh.
A radiación media pode oscilar os 1.600 kWh por metro cadrado e ano. Deste modo, o 12% do consumo global de enerxía en 2010 pode ser abastecido por fontes renovábeis, que contribuirán á produción eléctrica do 30,3% do consumo bruto de electricidade.
A enerxía fotovoltaica é eficiente e está ben desenvolvida. Non obstante, no ano 2000, Alemaña producía sete veces máis enerxía fotovoltaica que España, grazas ao seu programa de tellados solares. Incluso países con pouco sol como Holanda tiñan entón máis potencia instalada.
Innovación tecnolóxica
O PER representa unha oportunidade para a innovación tecnolóxica e para levarse a cabo dispón de fondos do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) para I+D+i e axudas do Programa de Fomento da Investigación Técnica (PROFIT).
Entre outros factores, grazas tamén a este impulso, o sector fotovoltaico conta cunha boa carteira de proxectos de enxeñería e construción de instalacións eléctricas de xeración, distribución e control. Mentres, varias plantas ou hortas solares xa están conectadas á rede eléctrica. Tamén existen superficies de produción illada.
A electricidade xerada en baixa tensión transfórmase a media tensión nos propios recintos das plantas e é conducida por canalización subterránea ata unha subestación, onde a tensión se eleva e se incorpora á rede xeral de distribución de electricidade.
Os promotores aseguran que as enerxías renovábeis serán un dos sectores como maior proxección de negocio nos vindeiros anos e ofrecen aos cidadáns a posibilidade de investir en plantas solares conectadas a rede para a súa venda a compañías eléctricas.
Enfoque do negocio
Se ben é certo que non contamina, a produción de enerxía solar fotovoltaica é aínda cara e seguirao sendo durante algún tempo. Por isto habilitáronse axudas a fondo perdido do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o IDAE, para facilitar a entrada neste investimento tanto a empresas como a particulares. Así se pretende crear unha economía de escala suficiente para reducir os custos da enerxía solar fotovoltaica e facela máis competitiva.
As compañías promotoras destas infraestruturas enerxéticas encárganse da enxeñería, compra de materiais, integración e montaxe dos mesmos, así como da súa posta en servizo, supervisión e apoio nas tramitacións para a legalización. O enfoque do negocio oriéntase á enxeñería, construción, distribución e control de instalacións de xeración de tecnoloxías eléctricas limpas.
Na actualidade este tipo de investimentos están subvencionados. As plantas solares fotovoltaicas están dotadas de medidas de vixilancia e control en materia de seguridade. Ademais, a compra de placas solares se está financiando con condicións preferenciais por parte das principais entidades financeiras. Ademais, a venda da enerxía producida por estas instalacións fotovoltaicas está garantida e regulada para todo o seu período de vida útil. O marco xurídico vixente, recuado polo Real Decreto 436/2004, obriga ás compañías eléctricas a comprar a enerxía a un prezo determinado.
A fotovoltaica pode constituírse como a fonte de enerxía máis social, a única capaz de fornecer electricidade nos países subdesenvolvidos. Pouco a pouco contribuirá a facer sustentábel o sistema eléctrico, sen emisións de dióxido de carbono nin xeración de residuos radioactivos.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.