Os produtos que empreguen fontes de enerxía para o seu funcionamento, a excepción dos medios de transporte, deberán exhibir a etiqueta enerxética comunitaria. Así será máis fácil elixir aparellos domésticos máis ecolóxicos.
Recentemente o Goberno aprobou o real decreto que transpón ao dereito español a normativa comunitaria de creación da etiqueta enerxética comunitaria. A súa promulgación afecta a todos os produtos que, unha vez comercializados ou postos en servizo, dependan dunha fonte de enerxía xa sexa electricidade, combustibles fósiles ou fontes de enerxía renovables, para funcionar. Especialmente refírese a produtos cun "importante impacto medioambiental" e concretamente á utilización dunha etiqueta que defina, entre outros aspectos, os seus requisitos de "deseño ecolóxico".
A etiqueta ecolóxica da Unión Europea identifica aqueles produtos máis respectuosos co medio ambiente. É o único distintivo válido para todos os Estados membros da Comunidade Europea.
A elección dos produtos máis eficientes merece a pena economicamente, e é unha das mellores maneiras de ser sustentables no día a día. Mediante esta norma incorpóraselle á normativa española a directiva comunitaria do 6 de xullo de 2005, pola que se instaura un marco para o establecemento de requisitos de deseño ecolóxico aplicables aos produtos que utilizan enerxía.
O Executivo prosegue así no seu intento por contribuír ao desenvolvemento sustentable. Pretende desenvolver a eficiencia enerxética, diminuír a contaminación e aumentar a seguridade do abastecemento.
Cambios
Os avances tecnolóxicos e regulamentarios fan que a industria de electrodomésticos e gasodomésticos puxera no mercado modelos que aseguren que hoxe se poida vivir coas mesmas comodidades pero facendo que o consumo sexa máis ecolóxico.
Por outro lado, a normativa obrigaralle a partir de agora á industria a modificar a fabricación dos produtos que empregan enerxía. É dicir, de todo aparello que, unha vez comercializado ou posto en servizo, dependa dunha fonte de enerxía para funcionar da maneira prevista, incluídas as partes que precisen dunha fonte de enerxía e estean destinadas a incorporarse a estes produtos.
O real decreto, que actualiza a normativa preexistente, tamén recolle que os produtos que obtivesen a etiqueta ecolóxica comunitaria establecida polo Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de xullo de 2000, cumpren os requisitos de deseño ecolóxico, sempre que os cumpra a propia etiqueta.
As directrices formuladas no texto aplícanse, por exemplo, ás caldeiras novas de auga quente alimentadas por combustibles líquidos ou gasosos, aos frigoríficos, conxeladores e aparellos combinados eléctricos de uso domestico, así como ás lámpadas fluorescentes.
Márketing ambiental
Ben é verdade que o aumento da concienciación ambiental vén acompañado dun desenvolvemento do chamado márketing ambiental. Neste sentido, a etiqueta ecolóxica europea, único signo de calidade ambiental á vez certificado por un organismo independente e avalado en toda Europa, constitúe unha oportunidade única de promoción.
Vender un produto con etiqueta ecolóxica supón ofrecer vantaxes como un menor consumo de enerxía (= 42%, mellor que clase enerxética A); ausencia de gases prexudiciais favorecedores do quentamento global e de retardadores de lapa nocivos ou perigosos para a saúde e o ambiente; limitación dos niveis de ruído; deseño para ser facilmente reciclado; instrucións de uso respectuosas co ambiente, extensión da duración de vida (o fabricante garante o funcionamento do aparello durante polo menos 3 anos a partir da entrega); pezas de recambio e o servizo post-venda garantidos durante 12 anos a partir do cese de fabricación, e un servizo de retirada de produtos xa usados.
Artigos relacionados:
- Acasa bioclimática
- Consumo racional e mellora ambiental
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.