
A demanda enerxética segue medrando no noso país de forma exponencial, tanto que o Ministerio de Industria baralla a posibilidade de estabelecer recargas para o "excesivo" consumo e en particular para o de enerxía eléctrica.
O Goberno móstrase disposto a actuar sobre a demanda enerxética sen deixar de garantir a subministración a prezos alcanzábeis, non obstante non descarta a idea de que as tarifas sobre todo as eléctricas, se vaian incrementando segundo se superen uns determinados índices de consumo. O executivo estuda se é factíbel esta aplicación dun prezo máis elevado para os consumos indiscriminados de enerxía ante a inexistencia tanto de medidas de aforro coma de eficiencia enerxética. A valoración sobre o posíbel cambio de metodoloxía tarifaria estúdase acerca da aprobación do novo Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética 2005-2007, que destinará o 0,8% da factura eléctrica a financiar a renovación de dous millóns de electrodomésticos e a plans de transporte para empresas e centros de actividade con máis de 200 empregados. Isto non suporá, en principio, que a factura da luz vaia encarecer nesa porcentaxe. Non obstante, si está previsto, segundo se anunciou, "estudar o sistema de tarificación eléctrica para o sector doméstico" para penalizar o dispendio sen prexudicar o consumo racional. Incentivos para o aforroAínda é prematuro para falar dun sistema de facturación en bloques similar ao que se adoptou para a auga en numerosos municipios, segundo o ministro de Industria, Turismo e Comercio, José Montilla. O posíbel "sobrecusto" decidirase se existe "consenso institucional e social" sobre a medida. En calquera caso, xunto coas medidas destinadas ao equipamento, o Goberno quere realizar ata 300 auditorías enerxéticas na industria química, de alimentación, siderurxia e minaría, e financiar proxectos de aforro enerxético. En canto ao transporte, o plan incentivará a elaboración de plans de mobilidade urbana para reducir o uso do vehículo privado, potenciará o uso do ferrocarril e a modernización do parque de vehículos, privados e colectivos. No que respecta á construción, preténdese intervir na rehabilitación de edificios para mellorar o seu illamento, na substitución de millóns de lámpadas incandescentes por lámpadas de baixo consumo e anúnciase a aprobación do novo Código Técnico da Edificación. Deste xeito, caldeiras e aires acondicionados terán que ser revisados periodicamente. A Administración, pola súa banda, elaborará tamén un plan de eficiencia enerxética para os seus propios edificios. Outras iniciativasA adopción dun plan "renove" para a substitución de aparatos domésticos antigos por outros de clase A, máis eficientes enerxeticamente, así como a difusión de campañas de comunicación sobre as vantaxes de medidas tan sinxelas coma unha boa regulación dos termóstatos son dous das iniciativas adoptadas para lograr reducir o consumo. Paralelamente, o Ministerio de Industria solicitoulles ás compañías programas de xestión para reducir a demanda. Nalgúns países estúdase persoalmente se a tarifa horaria é a axeitada para cada cliente, e infórmase a consumidores grandes e pequenos sobre os beneficios do aforro e a eficiencia. No convencemento de que é posíbel introducir un modelo enerxético baseado no consumo eficiente de enerxía de orixe renovábel, administracións locais como o Concello de Huesca decidiron fomentar mediante ordenanzas municipais enerxías como a solar. Coa axuda da Universidade de Zaragoza para a formación de técnicos especializados e a idea de que o desenvolvemento sostíbel é posíbel dende o punto de vista da racionalización enerxética, Huesca quere contribuír ao afianzamento de novos aspectos enerxéticos na edificación en xeral e no sector residencial en particular. Seguindo o esquema da Unión Europea "o que contamina paga", Londres propón outro exemplo. Dende o ano 2002 cóbralle oito euros a cada vehículo que quere entrar no centro, a unha área de 20 quilómetros cadrados. A formulación, cualificada ben de elitista ou ben de solución para salvar a cidade, é moi sinxela: quen vai ao centro a ocupar espazo, a facer ruído e contaminar ten que pagar por iso. O volume de coches da zona acoutada polas peaxes reduciuse considerabelmente. E é na capital do Reino Unido onde as peaxes aplican os descontos por eficiencia enerxética: aqueles automóbiles que contaminen menos pagan menos por entrar na City. Os coches híbridos e os eléctricos poden acceder ao centro gratis.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.