Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol
Casa e fogar Enerxía na casa

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Enerxía na casa > Reportaxes > Enerxía e ambiente
Piscinas que respectan o Medio Ambiente

Proxectar, construír e xestionar de maneira intelixente as instalacións acuáticas de ocio e deportivas contribúe ao aforro de auga e enerxía.

Un exemplo de cooperación coa natureza son as chamadas piscinas naturalizadas que, sen necesidade de ningún produto químico, conseguen que a auga sempre estea tan cristalina como a dun manancial.

E é que a auga se pode manter limpa de forma natural empregando exclusivamente plantas acuáticas e micro-organismos como depuradores. Depende duns sistemas a outros, pero normalmente só é necesario establecer dúas zonas separadas, unha de baño e outra de rexeneración, para que neste pequeno lago artificial sexa todo un pracer mergullarse. 

Biofiltrado
Forma e dimensións son factores decisivos para o bo funcionamento do sistema de filtración biolóxico. A área onde ten lugar o biofiltrado, polo xeral, só resta un 20% do total da superficie á de baño. Ambas zonas deben estar separadas por unha especie de muro. A flora e a fauna do entorno absorben as impurezas e bacterias prexudiciais que constitúen o seu alimento. Este sistema está moi implantado en Europa central.

En canto ao seu custo, as piscinas naturalizadas poden cimentarse e revestirse por un prezo incluso inferior ao das convencionais. Ademais, o gasto en mantemento é logo case nulo. Certos microorganismos encárganse de limpar continuamente a auga e eliminan todas as substancias contaminantes, conseguindo desta maneira acadar un equilibrio biolóxico. As plantas que crecen á beira da auga favorecen a depuración a través das súas raíces.

Aínda que simplemente se trata de conseguir un equilibrio da vida na auga, é importante asesorarse para obter bos resultados e contar con todo o respaldo posíbel de profesionais nesta tecnoloxía. As instrucións deben quedar moi claras. Ben é certo que soamente son necesarios uns mínimos coidados en primavera e outono. En verán a frecuencia das operacións que se han de realizar aumenta un pouco, ata unha vez por semana.

As piscinas naturalizadas permiten unha gran variedade de deseños. A construción destes espazos naturais provistos de auga intégrase arquitectonicamente de forma interesante dentro de cada xardín. Son ecosistemas vivos e cada proxecto deséñase especialmente para adaptalo ao entorno e aos seus usuarios. Neles pódense crear pequenas cascadas. Unha boa idea consiste en que flúa a auga e circule para ser biofiltrada grazas aos microorganismos e plantas. O deseño de cada zona só ten como límite o da imaxinación dos profesionais paisaxistas ou dos arquitectos bioclimáticos. As plantas acuáticas dotan de novos atractivos á piscina, xa que poden ser flotantes ou somerxidas a baixo nivel, e incluso hainas aromáticas de auga. 

Enerxía solar
A piscina naturalizada reproduce a bioloxía acuática nun entorno estábel. Para a depuración da auga, como se dixo, empréganse plantas e microorganismos acuáticos. Por outro lado, os novos avances permiten o quentamento da auga das piscinas con enerxía solar, incluso con solo radiante. Combinando ambas técnicas, o biofiltrado e a enerxía solar, pódese controlar e manter a temperatura óptima para que plantas acuáticas e microorganismos fagan mellor o seu traballo. Desta forma tamén se alonga considerabelmente a tempada de baño.

Non obstante, a maioría das piscinas consegue manter limpa a súa auga empregando produtos químicos. Estes para ser comercializados han de obter o visto bo do Ministerio de Sanidade e Consumo, que realiza os informes de homologación pertinentes tras coñecer o seu etiquetado, instrucións e ingredientes activos, como alguicidas, desinfectantes, modificadores do pH, floculantes, etc.

Pero tamén é posíbel remodelar unha piscina tradicional con depuración química, xa que as piscinas naturalizadas se poden construír de poucos metros cadrados, con paredes verticais de pedra natural ou de formigón, con ou sen revestimento de madeira. 

Non hai que perder de vista que o aforro de auga é outra cuestión importante. Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), o consumo de auga doméstico supera os 170 litros por persoa e día, e as piscinas, públicas e particulares, son grandes consumidoras do apreciado líquido elemento.

23 de xullo de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.