
A proliferación excesiva de residuos é consecuencia de procesos produtivos de escasa eficiencia, da fabricación de produtos que non perduran e dunha forma de consumo insostíbel. O volume de residuos xerados reflicte o grao de eficiencia dunha sociedade.
Faise preciso adquirir unha conciencia de selección e recuperación. Porque nos residuos domésticos que se producen na actualidade existen cantidades de determinadas substancias perigosas que poden provocar efectos nocivos sobre o ambiente e a saúde humana. Por iso, as políticas europeas de xestión de refugallos estableceron unha xerarquía que, en primeiro lugar, pretende unha redución da xeración de residuos. A continuación contempla a reutilización e a reciclaxe do lixo xunto coa recuperación de enerxía e a eliminación final dos residuos. Os cidadáns, como xeradores de residuos, son protagonistas dunha mellor xestión a través de múltiples accións; unha primordial é a separación correcta dos diferentes tipos de residuos do fogar e o seu posterior depósito no sitio axeitado. Paso cara á reciclaxePara todo aquilo que non se pode depositar nos colectores creáronse os puntos limpos, centros de recollida de residuos para os que non existe un colector específico na vía pública. Estes puntos limpos forman parte importante desta engrenaxe, na medida de que conforman o seguinte paso á reciclaxe dos fogares. Hai refugallos domésticos como os electrodomésticos ou os entullos que non deben botarse ao colector normal. Os sitios máis axeitados para depositalos son eses centros de recollida gratuíta que son os "puntos limpos", tamén coñecidos como "áreas de achega", "eco parques", "garbigunes" no País Vasco ou "deixalleries" en Cataluña. Normalmente hai que levar os residuos persoalmente ata estes lugares xestionados por institucións ou empresas privadas designadas por elas. Trátase de recintos controlados. Non son vertedoiros e tampouco son almacéns: os produtos recollidos son enviados logo a centros onde son tratados ou reciclados. Polo xeral están dotados de diversos colectores, de distintos tamaños e formas segundo o residuo que van albergar. Residuos aceptadosCo sistema de recollida selectiva a través de puntos limpos conséguese aproveitar parte do material procedente dos residuos sólidos urbanos reciclándoos directamente. Desta forma obtense un aforro de materias primas e redúcese o volume de residuos. Ademais, trátase dunha actividade xeradora de emprego. Por estes motivos é importante erradicar a vertedura incontrolada dos lixos que se xeran nos fogares, tanto se se trata de residuos voluminosos como de elementos perigosos. Estes tipos de instalacións non reciben residuos industriais. Por esta razón fíxanse unhas cantidades máximas de vertedura por persoa e día. Existen algunhas diferenzas entre os residuos aceptados, pero habitualmente poden levarse a estes recintos de xestores autorizados refugallos como roupa usada, electrodomésticos, envases de gran capacidade, móbeis, restos de poda, portas, marcos, entullos, colchóns, somieres, aceite de cociña usado, aceite usado de automoción, pilas, baterías de automóbil, recipientes de materias tóxicas ou perigosas, tubos fluorescentes, ordenadores, televisores, etc. Para un correcto funcionamento dos puntos limpos, os cidadáns han de levar os residuos previamente seleccionados e han de colocalos nos colectores apropiados. Para resolver as súas dúbidas, os usuarios poden consultar aos operarios ou chamar previamente ao 010 -teléfono de atención cidadá- onde os informarán dos horarios destas instalacións de recollida selectiva e o mellor xeito de desprenderse gratuitamente dalgúns residuos domésticos. A maioría dos puntos limpos abre de luns a venres de oito da mañá a oito da tarde e os sábados, domingos e festivos de nove a dous. Algúns concellos dispoñen dun servizo de recollida de aparellos, por exemplo, que evita aos veciños o traslado cos seus propios medios de transporte. Tamén hai comunidades autónomas e deputacións que habilitaron puntos limpos móbiles a disposición das localidades máis pequenas para que poidan depositar neles os residuos que xeran.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.