
O uso de papel reciclado é unha opción ecolóxica e económica beneficiosa para todos.
Tendo en conta que se consomen por termo medio uns 150 Kg. de papel por persoa e ano e que no proceso de produción de papel non só se inverte unha grande cantidade de madeira, senón que tamén se consumen miles de litros de auga, KW de enerxía e produtos químicos altamente contaminantes, o feito de consumir papel reciclado non só axudaría a reducir a tala dos bosques, senón que tamén se aforraría auga, enerxía e diminuiría a contaminación do aire e da auga. Ademais, consumindo máis madeira da necesaria non só se lle fai dano á árbore senón a todo un ecosistema pertencente a un bosque.
O ton escuro do papel reciclado non significa que sexa de mala calidade, simplemente quere dicir que non se usaron compoñentes químicos para tal fin. De tódolos xeitos hai outro tipo de papel, o papel ecolóxico, que garante que o material químico usado para o seu branqueo non é daniño para o medio. Estes produtos veñen etiquetados como papel ecolóxico 100% e aseguran non só que ese papel se obtivo de papel usado senón que ademais os branqueadores utilizados non son prexudiciais para o medio.
Outro desmentido do papel reciclado: pode ser tan duradeiro e resistente como aquel que vén directamente de fábrica e existe un papel reciclado para todos os tipos de usos, perfectamente válidos dende o punto de vista hixiénico e de saúde.
Unha boa idea para a nosa economía domestica e para que os nenos empecen a apreciar o valor do diñeiro e a coidar o medio é fabricar na casa o papel reciclado caseiro. Despois pódese utilizar para notas telefónicas, a lista da compra, para que debuxen os nenos ou fagan manualidades.
O proceso
1.- Antes de nada hai que asegurarse de que o papel que se vai utilizar está libre de grampas, celo ou calquera outro elemento que poida estragar o resultado desexado.
2.- Racha o papel para facelo cachiños, canto máis pequenos mellor, sen necesidade de que sexan simétricos. Vale todo tipo de papel; de xornal, branco, de cores..., sempre que non estea plastificado, non sexa papel de calco nin de impresión de calor.
3.- Botar o papel torado nun balde e por cada parte de papel poñer dous de auga. Se o papel ten tinta a auga deberá estar moi quente para facilitar a súa desaparición.
4.- Coller o papel xa húmido e botalo nun batedor para que se triture ben ata obter unha pasta. Os nenos poden facelo baixo a supervisión dun adulto. Se se quere personalizar o papel pódense engadir pétalos de flores, cachos de papel de seda de cores ou mesmo purpurina ou auga de colonia para darlle aroma.
5.- Para o seguinte paso é necesario un baruto, que se pode construír persoalmente cunha vella caixa de madeira e unha rede facendo de base ou ben colocando catro listóns que nos dean o tamaño do papel desexado. Colocar o baruto sobre un balde, xa que ao enchelo co papel húmido a auga se irá escorrendo pola rede metálica. Estender ben o papel coa axuda s dunha espátula, para que quede o máis liso posíbel. Colocar unha baeta enriba e apertar para que expulse toda a auga que lle sobra.
6.- Unha vez que perda bastante auga estará listo para a prensa, que tamén se pode construír con dúas láminas de madeira e uns parafusos. Para aforrar traballo pódense separar varias láminas de pasta de papel cunha tea e prensar dous ou tres á vez.
5.- Unha vez prensadas as láminas, poñelas a secar deixándoas ao lado dunha ventá ou pasando o ferro para que o proceso sexa máis rápido.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.