Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Sen saír da casa > Reportaxes > Domótica
O fogar dixital, unha realidade

En non poucas ocasións o cine fixo crer á xente que no século XXI viaxaría polas rúas en aeronaves en lugar de en automóbiles e viviría en casas onde todo funcionaría de maneira automática.

O primeiro antóllase moi complicado, polo menos a curto prazo; non obstante o segundo comeza a ser unha realidade. En España xa dúas de cada dez novas vivendas construídas integran polo menos un servizo do chamado “fogar dixital”, segundo se desprende dun estudo realizado pola Asociación Multisectorial de Empresas Españolas de Electrónica e Comunicacións (Asimelec).

Que se entende por fogar dixital? A Comisión Multisectorial do Fogar Dixital (CMHD) defíneo da seguinte maneira: “O lugar onde as necesidades da familia, en materia de seguridade e control, comunicacións, ocio e confort, integración medioambiental e accesibilidade, son atendidas mediante a converxencia de servizos, infraestruturas e equipamentos".

Así as cousas, unha casa que queira considerarse dixital ou intelixente debería contar, polo menos, co seguinte equipamento: un sistema de seguridade (alarmas de intrusión ou de detección de fugas de gas, auga ou incendios); controis de acceso (videovixilancia, videoporteiro), iluminación e temperatura; automatización e control de toldos e persianas; xestión enerxética e medioambiental; conexión a Internet por banda ancha; videotelefonía e televisión dixital (por cable ou satélite). 

Seguridade ante todo
Non todas as casas cumpren cos requisitos citados, pero moitas xa integran un ou varios servizos dixitais; do total de novas vivendas, estímase que entre o 20% e o 25%. A CMHD prevé que para os vindeiros dous anos esta cifra se sitúe entre o 30% e o 40%.

O estudo de Asimelec, elaborado a partir de enquisas a 1.500 persoas interesadas nas novas tecnoloxías, revela que o servizo dixital máis común está relacionado coa seguridade. En concreto, o 54,30% dos entrevistados confesou ter algún tipo de sistema de seguridade, ben privado ou conectado con algún centro de alarmas. 

Salienta tamén a implantación de redes de datos (o 42,4% dos enquisados dispón dunha). Non obstante, soamente tres de cada dez (3,1%) ten unha rede domótica (control remoto de aparellos) instalada na súa vivenda habitual. 

Dentro do ocio e o entretemento, a televisión de pago comeza a perder aceptación debido en boa parte ao interese que suscita Internet. Neste sentido, máis do 90% dos entrevistados dispón de conexión á Rede, e de entre eles case o 84% conéctase a través de banda ancha (ADSL ou cable). 

Respecto ao lugar de conexión, a maioría accede a Internet desde o fogar e o traballo (54,66%). Un 20% conéctase só desde a súa casa. Volvendo á televisión de pago, o informe revela que son aqueles usuarios que gañan máis de 30.000 euros anuais os que máis a utilizan.

Gastos en servizos e bens dixitais
A venda de CD e DVD caeu considerabelmente nos últimos anos debido á crecente piratería neste campo. Cada vez os españois gastan menos neste tipo de entretemento. O 70,78% dos entrevistados de idades comprendidas entre 18 e 35 años gastou o ano pasado en CD e DVD ata 50 euros, fronte ao 53,40 euros do ano precedente. 

Logo están os videoxogos, sector que se viu impulsado pola aparición dos MMORPG (Massively Multiplayer Online Role-Playing Game). Estes xogos son un valor engadido ás conexións de banda ancha, xa sexan de cota mensual ou gratuíta. En calquera caso, o estudo revela que o 86,38% dos cidadáns non está disposto a gastarse ningún diñeiro en xogos online.

En cambio, preto dun 40% dos enquisados entre 18 e 50 anos pagaría ata 50 euros ao mes por un control efectivo sobre os contidos que ven os seus fillos en Internet. 

Outro elemento indispensábel no que a seguridade se refire é a instalación de antivirus ou software antiespía nos equipos. O 56,04% dos entrevistados aceptaría pagar ata 50 euros por un destes programas, claves para evitar a perda de ficheiros ou fotografías gardadas no disco duro. 

O comercio electrónico tamén comeza, aínda que lentamente, a abrirse un oco nos fogares. Neste apartado, os produtos máis comprados son as viaxes, as entradas relacionadas con espectáculos (cine, teatro, concertos), a electrónica e os libros. Ultimamente comezan a gañar terreo os artigos de primeira necesidade e os produtos financeiros.

29 de maio de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.