As receitas de cociña que as sabias mans das avoas elaboraron con mimo e esmero durante anos atoparon o seu espazo en Internet. What's cooking grandma? (Que cociña a avoa?) é unha rede social na que avoas de distintas partes do mundo ensinan, mediante vídeos explicativos, a cociñar pratos de todo tipo con ese toque mestre que só elas saben dar.
Anna, Hilda, Nannie, Ruth, Paula, Sonia...todas elas presentan os seus secretos culinarios en What's cooking grandma? (www.humanbeans.net/whatscookinggrandma), un proxecto da compañía Human Beans que se converteu nunha forma de preservar receitas de toda a vida que fan as nanas e que por diversas circunstancias moitas veces non pasan de xeración en xeración. Con este portal, e grazas á inestimable axuda de YouTube, estas receitas poderán permanecer no tempo.
A idea naceu en verán do ano pasado, cando Human Beans documentou a forma de cociñar de cinco "grandma" de Lancaster (Inglaterra) como parte dun proxecto para a exhibición de arte contemporáneo "Perimiters, Boundaries and Borders". "Este é un proxecto para crear un libro de cociña virtual de avoas do mundo compartindo as súas receitas especiais", sinalan os responsables do portal. "Queremos que a xente grave a súa avoa cociñando e o suban aquí", engaden.
Compartindo secretos
Calquera pode enviar un vídeo da súa avoa realizando algunha das súas receitas favoritas. O portal, que por agora só está dispoñible en inglés, inclúe algúns consellos sobre como facelo e subilo á web.
Só se precisa unha cámara de vídeo, un software de edición e, por suposto, unha avoa. As gravacións non poden superar os 10 minutos de duración e os 100 megas de tamaño. Todas se aloxan en YouTube.
Pero non só hai vídeos en What's cooking grandma? tamén se poden subir ou descargar "fotohistorias", é dicir, fotografías do proceso de elaboración das receitas con textos debaixo que explican todos os pasos, así como gravacións de audio en formato MP3 (desta forma pódese escoitar a receita ao mesmo tempo que se prepara).
Outras webs
Ademais de receitas das avoas, na Rede hai un bo feixe de portais nos que se pode aprender a preparar unha gran variedade de pratos e pór en práctica as máis diversas técnicas de cociña.
StartCooking (http://startcooking.com), por exemplo, é un sitio dirixido especialmente a aqueles que non acostuman a pisar a cociña. Aquí dispoñen de vídeos que explican paso a paso desde como preparar un prato de arroz ata como cortar unha cebola. En cada vídeo aparece unha barra que determina o nivel de dificultade de cada receita.
Na mesma liña, Cookshow (www.cookshow.com) está dedicado especialmente á cociña francesa, aínda que se poden compartir pratos de calquera rexión do planeta. Recolle máis de 130 receitas perfectamente explicadas a través dos seus correspondentes vídeos. Entre as máis rechamantes, unha hamburguesa Tex-Mex ou un pavo ao chili.
O buscador de receitas de repsolypf.com (http://www.repsolypf.com/SE/CasaHogar/buscadorRecetas/portada.aspx) é outra opción para aprender a cociñar e a elaborar novos pratos, coa vantaxe de que está en castelán. Receitas para celíacos, diabéticos, vexetarianos e para ocasións especiais como aniversarios ou Nadal son algunhas das posibilidades que ofrece este motor de busca.
Artigos relacionados:
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.