Hoxe o que prima en Internet é a participación. Lonxe queda unha Rede fría na que moitos vían risco de illamento social. A denominada Web 2.0 permite aos internautas ser parte activa na construción desa gran tea de araña.
E dentro deste mundo participativo van xurdindo interesantes propostas, cada vez máis sinxelas -que ao fin e ao cabo son as que triunfan-, nas que o protagonista é será sempre o usuario. Twitter é unha delas. E coidado, porque engancha.
Se o ano pasado foi o da explosión definitiva de YouTube, este 2007 promete ser o de Twitter. Esta aplicación é o máximo expoñente dun fenómeno que se está estendendo como a pólvora, o “microblogging”. Con Twitter (trilo ou canto de paxaros) cada persoa convértese nun “microblogger” que vai contando o que fai en cada momento, se ten tempo e ganas para isto, claro está.
O funcionamento desta ferramenta é bastante sinxelo. Só hai que se dar de alta na páxina web http://twitter.com, é gratis. Unha vez rexistrado, o usuario dispón dun espazo onde vai vertendo as súas impresións e experiencias do día a día a través de frases curtas (non poden superar os 140 caracteres, o tamaño máximo dun SMS en Estados Unidos). Así, o típico é atoparse mensaxes como “vou ao traballo”, “estou comendo” ou “xa volvo á casa”. A finalidade é responder á pregunta “What are you doing?” (Que estás facendo?), que resume perfectamente a filosofía de Twitter.
A actualización deste diario persoal pódese realizar ben a través da propia web, mediante o teléfono móbil -enviando un SMS (desde España hai que mandar a mensaxe ao +44 7624 801 423)- ou por medio dalgún programa de mensaxería instantánea, como Google Talk.
Moitos dirán onde reside a graza de todo isto. Pois basicamente en que calquera pode ler estes “microblogs” e deixar os seus comentarios, iso sempre que non se restrinxan as visitas. Cada usuario pode convidar aos seus amigos a participar no seu Twitter. Estes incluso poden recibir no seu móbil, vía SMS, as sucesivas actualizacións. Xunto cos coñecidos, tamén se pode crear un grupo de “followers” (seguidores), que se manterán ao tanto das andanzas do protagonista do Twitter.
No traballo
Pero máis alá da simple rexouba, esta ferramenta pode ter tamén a súa valía desde o punto de vista empresarial. Grazas a que é un sistema instantáneo que permite estar conectado continuamente, pode resultar útil para aqueles grupos de traballo que non se atopan fisicamente no mesmo espazo. Ademais, con Twitter un empregado pode saber o que está facendo o seu xefe en tempo real ou onde se atopa en todo momento, e viceversa.
O mundo da política tampouco é alleo a Twitter e algúns políticos xa o aproveitaron en beneficio propio. É o caso de John Edwards, candidato demócrata á presidencia de Estados Unidos nas eleccións do vindeiro ano. Calquera internauta pode seguir o día a día da campaña de Edwards a través do seu “twitt” (http://twitter.com/johnedwards).
Músicos, actores e directores de cine, entre outros personaxes do mundo do famoseo, tamén se apuntaron a este “Gran Hermano” sen cámaras que lles pode servir de plataforma de promoción dos seus traballos. Algúns incluso permiten que se lles conteste de forma privada.
Imitadores
E de quen é obra todo isto? Pois de Evan Williams, un tipo que xa revolucionara as bitácoras online coa creación de Blogger, portal agora nas mans de Google. O boca a boca vai camiño de converter a súa idea nun dos acontecementos da Rede deste ano. De feito xa lle saíron uns cantos clons para aproveitar o tirón.
En Alemaña está Wamadu e en Xapón, Mogu2. España non quedou á marxe do “microblogging” e xurdiu Trikir, que ademais de ofrecer as mesmas opcións que Twitter, inclúe algunhas novidades como, por exemplo, RSS doutras fontes.
Como unha película, unha canción ou un libro, esta nova forma de comunicación conta tanto con admiradores como con detractores. Os primeiros, os máis, salientan a posibilidade de poder contar as súas experiencias en tempo real e que estas cheguen ao instante a un gran número de persoas; os segundos, os menos, non ven en Twitter máis que unha moda pasaxeira sen interese ningún.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.