Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Sen saír da casa > Reportaxes > Ocio e cultura
O novo cine na casa

As salas de exhibición cinematográfica están a pasar por unha profunda crise. A afluencia aos cines está caendo considerablemente. No 2005 perdéronse un 10,7% de espectadores, ao ano seguinte un 5,3%, e no que vai deste, un 7%. Deste descenso cúlpase principalmente ao elevado prezo das entradas e á piratería. Pero pódese falar doutro culpable: os sistemas de cine en casa ou “home cinema”.

A sofisticación destes equipos chegou a tal extremo que se se dispón dunha gran pantalla e dun espazo amplo, pódese experimentar a sensación de estar verdadeiramente dentro dun cine. Ademais, coa alta definición (HD) e os novos formatos DVD, a experiencia doméstica pode resultar incluso superior.  

A rápida implantación dos reprodutores domésticos de DVD, que xurdiron hai unha década, popularizou os “home cinema” e as tecnoloxías de audio Dolby Digital e DTS, que antes eran exclusivas dos cines. Moitos fogares gozan na actualidade do son envolvente que proporcionan estes sistemas. 

Agora acaban de chegar os novos formatos Blu-Ray e HD-DVD e, con eles, novos modelos de cine en casa moito máis avanzados. Estes estándares melloran non só a imaxe dos tradicionais DVD, senón tamén o son. 

Audio HD
Os amplificadores A/V de cine en casa máis habituais son os 5.1, que utilizan seis canles: esquerda, central, dereita, posterior esquerda e posterior dereita, e un subwoofer para sons de baixa frecuencia. No futuro imporanse aqueles que teñan unha distribución 7.1 ou superior (ata 9.1).

Algúns destes receptores, como o VSX-LX50 de Pioneer, xa veñen preparados para ler as bandas sonoras codificadas nos Blu-Ray e HD DVD nos formatos de alta definición Dolby Digital Plus, Dolby TrueHD e DTS-HD, de calidade moi superior ao Dolby Digital e DTS, habituais nos DVD.

As tecnoloxías de codificación de son multicanle de maior calidade dispoñibles nestes momentos no mercado son Dolby TrueHD e DTS-HD. A primeira comprime o son, pero proporciona unha calidade de sala de cine, e soporta ata sete canles independentes.

O DTS-HD Master Audio tamén proporciona son comprimido sen diminución ningunha de calidade do máster orixinal. Permite codificar un máximo de 7.1 canles.

O sistema que prescinde da compresión é o PCM lineal, achegando un son espectacular. Neste caso, só o formato Blu-Ray incorpora bandas sonoras codificadas en PCM lineal. Pode chegar ata 8 canles de audio.

Só para os seus ollos
A clave dun “home cinema” é un bo receptor e uns bos altofalantes (se son sen fíos, mellor). Pero para que a experiencia sexa plena, débense acompañar dun televisor e un reprodutor que proporcionen unha imaxe de calidade. Coa alta definición, isto non é problema. 

As televisións de tubo practicamente desapareceron. Agora lévanse as pantallas planas HD Ready ou Full HD. Os prezos baixaron moito, pero se se quere dispor da última tecnoloxía hai que rascarse o peto. O máis novo son os sistemas de retroiluminación por LED, que proporcionan unha maior variedade cromática. Estes televisores consumen menos, amosan máis cores e chegan a conseguir un contraste dinámico de 500.000:1.

Outros extras que incorporan as novas pantallas son disco duro, descodificadores de Televisión Dixital Terrestre (TDT), máis portos de conexión dixital HDMI e sistemas de iluminación a xogo coas imaxes.

Os televisores plans compiten cos proxectores de imaxe. Estes aparellos, que proxectan o sinal da tele, dun DVD ou dun ordenador, baséanse en tecnoloxías de procesamento dixital da luz (DLP). Centos de miles de microscópicos espellos móbiles orientan a luz que lles chega dunha lámpada de alta potencia. Tras pasar por varias lentes e filtros de cor, esta luz convértese en imaxes en movemento que se proxectan sobre unha parede ou unha pantalla. A resolución destes dispositivos mídese en píxeles. Se se quere utilizar para cine en casa, o máis recomendable é que supere os 7,8 megapíxeles. Hai modelos que proporcionan xa unha relación de contraste de 5.000:1 e 1.500 lumens ANSI para obter imaxes claras cunha iluminación ambiental normal.  

E, por último, está o reprodutor. HD-DVD, Blu-Ray, DVD convencional, gravador... As posibilidades multiplicáronse en pouco tempo. O máis lóxico, visto como está o mercado, sería apostar por un híbrido -que soporte tanto HD-DVD como Blu-Ray-. Ningunha das dous tecnoloxías conseguiu aínda se introducir nos fogares de forma masiva. De feito, as vendas son aínda moi reducidas. Cun híbrido, o usuario evitará que un día, de repente, se vexa cun aparello obsoleto, tal e como aconteceu cos vídeos Beta. 

Artigos relacionados:
A tecnoloxía gigabit chega ao fogar
O videoclub na casa

15 de outubro de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.