
O tempo compartido ou o uso de inmóbeis por quenda -o timesharing dos anglosaxóns- consiste na adquisición dun dereito de uso temporal dun inmóbel. É dicir, ninguén compra o devandito inmóbel, senón que a súa compra se limita a un tempo determinado, medido xeralmente en semanas.
Non se trata de multipropiedade, xa que ninguén compra un inmóbel. O timesharing é a adquisición dun tempo determinado para facer uso dunha vivenda. É un novo concepto de aloxamento que está comezando a imperar na sociedade.
Todo baixo contrato.
Como en calquera outra transacción comercial no timesharing ou aloxamento por quendas,
cómpre a existencia dun contrato. Vexamos cales son as condicións que deben figurar neste documento e os aspectos que hai que ter en conta:
-O contrato debe estar redactado no idioma da persoa que o asina.
-Cómpre ler todo o texto do contrato. Ante a máis mínima dúbida, o máis recomendábel é non asinar ata que as incertezas queden completamente despexadas.
- Na letra pequena do documento, o contraente español debe rexeitar aquelas cláusulas de sometemento das partes a tribunais con sede fóra do país, no caso de litixio, debido aos altos custos que iso representa, entre outros motivos.
-Recorde que as transferencias internacionais que demandan moitas empresas deste sector -polo feito de ter as súas sedes noutros países europeos-, lles representan un sobrecusto en concepto de gastos bancarios aos usuarios españois.
-A mediación dun notario é unha garantía de seguridade no contrato. O fedatario público advertirá o interesado no caso de que o contrato estea redactado de forma incompleta. Iso pode suceder se faltan os seguintes conceptos: datos de identificación
do comprador e vendedor, natureza e descrición do inmóbel servizos dos que dispón (instalacións comúns, recollida de lixo, gastos de mantemento, iluminación, etcétera), período de tempo do que se quere dispoñer, importe dos gastos comúns obrigatorios, información sobre o procedemento de resolución do contrato, data e lugar da sinatura do contrato e o prezo.
-O vendedor non pode esixirlles aos seus clientes ningún tipo de anticipo de pagamento mentres dure o prazo de reflexión e, posto que ninguén regala euros por pesetas, hai que coñecer os gastos que esconde a operación, para así evitar sorpresas de mal gusto.
- Para curarse en saúde, é boa idea incluír unha cláusula na que se indique que non existen máis gastos dos que xa aparecen no contrato. As asociacións de consumidores recomendan que se lle esixa ao promotor que lle amose ao futuro usuario toda a documentación, tales como os poderes da persoa que vai asinar no nome da empresa, o certificado do Rexistro da Propiedade de que o inmóbel está rematado e pertence a esa empresa, por exemplo.
¿Canto custa?
O prezo desta modalidade turística depende de dúas variábeis básicas: a duración do tempo contratada e a época do ano. Tamén inflúen as características do apartamento ou a zona xeográfica na que se atope. Para enriquecer esta oferta, as organizacións que promoven este sistema contan cun sistema de intercambio de dereitos de uso que lles permiten aos propietarios de tales dereitos cambiar a estancia por outra, de similar valoración, noutro país distinto.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.