Internet revolucionou o mercado inmobiliario. Basta con entrar nos portais de anuncios ou nos websites das promotoras e axencias para despachar en varios clicks cuestións que anteriormente levaban semanas.
As vantaxes de Internet á hora de buscar piso son claras: O aforro de tempo; a cantidade de información; a selección por zonas; e o acceso a infinidade de detalles e especificacións imposibles de obter nos anuncios por palabras. Algúns websites incorporan programas de cálculo da cota mensual do crédito bancario e contan con foros ou blogs nos que os internautas ofrecen pistas sobre as vivendas visitadas. Segundo indica a maioría das persoas que utiliza esta vía para atopar piso, o único inconveniente é que boa parte dos anuncios ofertados por particulares teñen detrás unha axencia.
Convén diferenciar entre os sitios en liña de anuncios e os das promotoras e inmobiliarias. Teñen máis tráfico os primeiros, pois neles case a metade das propostas corresponde a particulares, unha opción que elimina a comisión da axencia no caso de pecharse a operación de compravenda. Precisamente é o éxito que teñen estes portais o que leva as empresas inmobiliarias a utilizalos como canles de vendas complementarias aos seus propios espazos na rede.
Sen custo
A diferenza doutros negocios en liña, a busca de piso por Internet non implica gasto ningún, xa que non se realizan transaccións nin se efectúan pagos con tarxeta. Só se atopa a oferta existente en vivenda, tanto para compra como para aluguer, pero en ningún momento se realizan operacións financeiras. As partes implicadas, comprador e vendedor, non teñen que facer ningún desembolso económico por empregar esta canle. O propietario da vivenda pode publicar o seu anuncio de forma gratuíta e o comprador non ten que abonar cantidade ningunha por acceder á oferta. É unha fórmula altamente competitiva, desde o punto de vista empresarial, xa que lle permite ao comprador coñecer toda a información relacionada cun piso ou unha zona concreta, e ao mesmo tempo, facilítalle ao vendedor o mellor soporte para promover a súa vivenda.
A ter en conta
Se busca piso a través de Internet, é importante que teña en conta os seguintes aspectos: Darse de alta unicamente nos apartados de perfís que se axusten ás súas necesidades, pois do contrario recibirá infinidade de informacións inútiles que terminarán na papeleira; acceder só aos websites que inclúan imaxes das vivendas, e mellor aínda se incorporan planos da zona onde se sitúa o inmoble; e prestar moita atención ás características da vivenda, fixándose se os datos están actualizados e comprobando as datas das modificacións.
Case todos os portais do mercado inmobiliario incorporan cifras co número de anuncios publicados e fan fincapé sobre os acabados de chegar nas últimas xornadas. Esta información tamén hai que valorala, pois demostra o tráfico e a capacidade operativa do website.
Por suposto, sempre hai que ver a vivenda tras a selección realizada na rede, pero este proceso que antes podía levar varios meses, resólvese agora fronte á pantalla do ordenador nun tempo record, evitando ás dúas partes (vendedor e comprador) visitas innecesarias. Cando alguén ten interese nun inmoble, despois de ter visualizado imaxes da fachada do edificio, da distribución interior e das distintas estancias, as posibilidades de compra son maiores que se só coñecemos os datos básicos recollidos nun anuncio do xornal.
É importante que o comprador revise in situ todos e cada un dos detalles e aspectos que sobre a vivenda se amosan na rede, verificando a veracidade dos mesmos e realizando as obxeccións oportunas así como as rebaixas correspondentes sobre o prezo do inmoble, en caso de non coincidir as prestacións reais coas expostas en Internet.
O máis acertado é botar unha ollada aos distintos portais que hai na actualidade (Idealista, Segunda Mano, Expocasa, Fotocasa...), e partir de aí, escoller un par deles, os que lle resulten máis útiles e se axusten ás súas necesidades e preferencias. Non é conveniente navegar por todos os websites nin se inscribir en máis de tres sitios. A saturación e o exceso de información pode ser neste caso unha gran desvantaxe.
Artigos relacionados
- Constrúe a túa propia vivenda
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.