Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Vivenda > Reportaxes > Lexislación
A hipoteca cando hai divorcio

Preto de cen mil divorcios prodúcense cada ano en España. A división das propiedades, economicamente falando, é a parte máis complexa do proceso porque se deben incluír todos o bens e todas as obrigas ou débedas.

Este conflito persoal pode agudizarse no caso de que os cónxuxes subscribisen conxuntamente unha hipoteca para pagar unha vivenda. Que acontece co crédito cando unha parella que comparte unha débeda bancaria desa índole decide separarse? Que pasa co piso? Quen asume a responsabilidade do pago dos prazos? As posibilidades son múltiples. Todo depende de cada acordo de divorcio. Non obstante, se os dous membros da parella figurasen como propietarios nas escrituras e no rexistro trataríase do que se coñece como un inmoble en copropiedade ou un ben pro indiviso; é dicir físico, non divisíbel.

Evidentemente, ao haber polo menos dous propietarios do mesmo ben ambos ostentan uns dereitos sobre o mesmo. Ben é certo que tamén pode ser que un deles pretenda quedarse co piso e o outro prefira vendelo a un terceiro para facerse co diñeiro en metálico, por exemplo.

O complicado é pórse de acordo, pero se se consegue pódese facilitar moito o camiño. Unha boa solución é que un dos cónxuxes venda ao outro a súa parte. Para evitar problemas é recomendábel efectuar sempre unha taxación previa seria, para establecer un prezo real e de mercado do inmoble. Neste caso a persoa que estea disposta a quedarse coa casa terá que pagar á súa ex parella, deducindo o que quede por pagar da hipoteca. Ademais, deberá afrontar os custos de rexistro e, se é preciso, a ampliación do crédito.

Unha vez iniciados os trámites legais da separación, a parella terá que conseguir a modificación do réxime económico do matrimonio cando estea suxeito ao réxime de gananciais. Este cambio obtense mediante un documento notarial de mutuo acordo, as capitulacións matrimoniais. En situacións de litixio efectuarase a través de sentenza xudicial firme, en convenio regulador. 

Proporción das cotas
Mentres non se dite a sentenza de separación, ambos cónxuxes deberán seguir pagando os recibos a partes iguais. 

Se non hai acordo, aplicarase o chamado "Actio Communi Dividendo", que supón interpor unha demanda ordinaria no xulgado, que, atendendo ao valor da finca, establecerá xudicialmente a proporción das cotas de cada un dos propietarios e, se é preciso, a adxudicación da mesma.

Se se produce esta última circunstancia, os tribunais disolven o réxime matrimonial de gananciais e logo ordenan a liquidación do patrimonio conxunto, tras o cal se reparten tanto os bens como as débedas, incluída a hipoteca.

Pero este procedemento, que pode dilatarse moito no tempo, pode carrear que ao final o piso poida acabar en poxa pública tras ser embargado pola entidade financeira coa que no seu día se subscribiu a hipoteca. Polo tanto, como reza o dito popular, neste tipo de asuntos "máis vale un mal acordo que un bo preito".

Por outro lado, é bastante frecuente que as sentenzas de divorcio se pronuncien sobre as denominadas cargas do matrimonio, que se compoñen da suma dos gastos estimados para facer fronte ao ritmo de vida da familia, tendo en conta o réxime económico que ata a separación existía entre os cónxuxes. Este convenio regulador adxudica a un dos dous a propiedade da casa e o crédito.

Cambio de titular
A partir dese momento un dos cónxuxes subrogarase o préstamo. Comezan entón os trámites necesarios para efectuar un cambio de titularidade, é dicir, haberá que levar ao Rexistro da Propiedade as modificacións pertinentes. Na escritura de compravenda figurará unha anotación na que apareza un único debedor e un único titular.

A titularidade única debe rexistrarse tamén cando un dos cónxuxes lle compre ao outro a parte do piso que compartían ata a separación. Este proceso carrea custos similares aos da contratación inicial dunha hipoteca: comisión de apertura, nova taxación do inmoble e taxas de rexistro pola modificación de escrituras.

20 de marzo de 2007


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.