
Coa chegada das baixas temperaturas, e sobre todo nas zonas máis frías da península, a conxelación das canalizacións pode deixarte sen subministración de auga. As novas instalacións adoitan vir preparadas para solucionar estas eventualidades, pero se a túa vivenda ten xa uns anos ou se ve sometida a temperaturas moi baixas, podes seguir algunhas indicacións para solucionar este problema.
Como descubrir a avaría
Na maioría dos casos, a conxelación dunha canalización detéctase porque a billa non funciona da noite á mañá, ou ben porque a calefacción perdeu potencia, ou simplemente non quenta a vivenda. Se a conxelación é forte e se produciu durante varias horas, é posíbel que algunha das canalizacións rebentara como consecuencia da presión. Para evitar males maiores, e antes de intentar o proceso de desconxelación, pecha todas as chaves de paso. Evitarás escapes de auga se as canalizacións rebentaron.
Uns trucos doados
No caso de que comprobes que ao abrir a chave non sae auga pola billa, quenta unha pouca auga nun recipiente e vérqueo lentamente polo lavabo ou polo conduto que creas que está conxelado. Repite esta operación todas as veces que sexa necesario. No caso de que a conxelación sexa leve, desaparecerá en pouco tempo. Se pola contra detectaches a conxelación en canalizacións que se atopan en rochos, garaxes ou similares, onde as canalizacións adoitan estar á vista, podes intentar desconxelalas cun secador de pelo, aplicando a calor directamente na canalización. Tamén podes quentar auga e poñelas en botellas que colocarás nas canalizacións, para que lle dean calor e pouco a pouco vaian derretendo o xeo que hai no interior.
Sistemas de prevención
Unha medida rápida que algunhas persoas toman para evitar a conxelación das canalizacións, é deixar a billa de auga quente gotear durante a noite. Tamén é moi aconsellábel illar ou cubrir as canalizacións que estean máis expostas ao frío, como as situadas en terrazas ou ático, por exemplo. Para iso existen materiais illantes á venda, cuxo uso sempre debe ser recomendado por persoal especializado, para que teñas unha total garantía de que os estás a utilizar adecuadamente. No obstante, a mellor forma de previr estas eventualidades que che poden deixar sen subministración de auga é manter en perfecto estado as canalizacións do teu fogar. Se pensaches facer unha reforma e vives nunha zona moi fría no inverno, consulta ben os tipos de canalizacións que existen, xa que hai algunhas específicas para evitar a conxelación como son as de polietileno ou as canalizacións de aceiro, recubertas con polietileno. Estas últimas teñen tamén resistencia ante os axentes corrosivos.
Tamén podes atopar no mercado distintos termóstatos que acenden a calefacción durante a noite, e verquen un pouco de auga quente nas canalizacións.
Deste modo esa auga quente, aínda que sexa en pouca cantidade, será dabonda para interromper o proceso de conxelación da auga. Para seleccionar o que máis se adecúa ás túas necesidades, tes que consultar o teu caso cun profesional, xa que dependerá dos diferentes cuartos con auga que teñas na túa vivenda -máis dun baño ou cociña- e se dispós de calefacción.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.