Impermeabilizar a vivenda - repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol
Casa e fogar Vivenda

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Vivenda > Reportaxes > Mantemento da vivenda
Impermeabilizar a vivenda

A impermeabilización da vivenda é unha das cuestións prioritarias nas construcións actuais. Un capítulo no que as novidades principais veñen da man dos novos materiais impermeabilizantes.

Avanzouse moito nos últimos anos en impermeabilización de edificios. Os novos proxectos residenciais incorporan xa materiais innovadores, fabricados con plásticos sintéticos, que supuxeron unha auténtica revolución no sector, e aos que se chegou a través da investigación para outro tipo de solucións. 

A busca de materiais altamente resistentes para a impermeabilización de presas, vertedoiros, depósitos de augas residuais e outras obras de enxeñería hidráulica foi decisiva para dar con produtos illantes acertados e eficaces, cuxos usos se ampliaron a outros ámbitos, como a impermeabilización de construcións residenciais e comerciais, e todo tipo de obras civís.   

Solucións con plásticos sintéticos 

As xeomembranas son láminas fabricadas con materiais plásticos sintéticos, perfectas para a impermeabilización en obra civil e no sector agrícola, polas súas elevadas prestacións, entre as que salientan: a baixa permeabilidade; a facilidade de unión; a elevada vida útil; as boas propiedades mecánicas; a resistencia ao desgarro; e a adaptabilidade á superficie. 

As láminas de plásticos sintéticos desprazaron por completo aos materiais empregados tradicionalmente en impermeabilización, tales como as arxilas ou as pantallas asfálticas, xa que melloraron claramente os resultados de ambos produtos e son máis competitivas desde o punto de vista económico. Por iso, agora, boa parte das cubertas e tellados das construcións incorpora algún tipo de xeomembrana para impermeabilizar as vivendas. 

Se o construtor do inmoble no que vives apostou por unha lámina de plástico sintético de calidade, será difícil que haxa problemas de goteiras e humidades nas vivendas situadas nos últimos pisos. Existen moitos tipos de xeomembranas en virtude do tipo de polímeros empregados na súa fabricación. As distintas categorías e aplicacións dos materiais poliméricos aparecen reguladas na normativa española e europea sobre impermeabilización. As mellores son aquelas que teñen un alto grao de resistencia á intemperie, aos produtos químicos e aos microorganismos, e as que toleran ben a radiación solar e os cambios térmicos bruscos. 

Xeomembranas de polietileno de alta densidade 

Os materiais impermeabilizantes con máis éxito na actualidade son as xeomembranas de polietileno de alta densidade ou xeomembranas PEAD, pois, dentro da ampla gama de láminas de plásticos sintéticos, son as que mellor resolven os problemas de impermeabilización en obras de enxeñería. As súas características máis apreciadas son: a súa alta resistencia química e mecánica; a ausencia de elementos químicos na súa estrutura macromolecular, o que favorece a súa estabilidade; e a excelente capacidade de soldadura que amosan as láminas. 
As xeomembranas PEAD apareceron na década dos sesenta e rapidamente se converteron nun produto indispensable en edificación, enxeñería hidráulica e enxeñería ambiental, xa que amosaron vantaxes difíciles de lograr con outros materiais impermeabilizantes. 

A alta resistencia á rotura e a perforación; a estabilidade con todo tipo de temperaturas; a excelente capacidade para o alongamento sen deformarse; o comportamento uniforme á tracción lineal e biaxial; a elevada resistencia á acción de bacterias, roedores e raíces; a inalterabilidade perante os raios ultravioleta, e o bo comportamento ás agresións químicas, son os aspectos máis beneficiosos das xeomembranas de polietileno de alta densidade. 

Porén, todos estes valores quedan anulados se a obra de instalación do material non a efectúan empresas recoñecidas e profesionais cualificados que apliquen a normativa vixente en canto a impermeabilización. É imprescindible que as soldaduras se efectúen de forma correcta, seguindo a técnica máis apropiada, segundo o tipo de proxecto. Posteriormente, a empresa terá que realizar as probas precisas para garantir que as unións entre as xeomembranas non presentan marxe de erro. 

 

Artigos relacionados

Que facer en caso de goteiras?

Illamento e conservación das canalizacións no inverno

7 de maio de 2008


Acceso a Confianza online

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.