Moito antes do nacemento do Mundial de Motociclismo, un grupo de intrépidos motoristas ingleses lanzouse ás estradas europeas para poder correr nos diferentes circuítos do vello continente. Eran os inicios do Século XX, na illas británicas aínda non se construíran circuítos, e obviamente non se permitía organizar carreiras urbanas.
Foron anos nos que os primeiros apaixonados das motos se lanzaron á estrada coas súas caravanas e, coma se dun circo ambulante se tratase, percorreron os diferentes países europeos en busca de circuítos nos que competir. Deses heroicos anos nos que o motociclismo se atopaba en estado embrionario, provén unha das expresións máis comúns utilizada cando se fai referencia ao Mundial de Motociclismo: o Continental Circus.
En pleno século XXI, o Mundial segue sendo un gran circo, aínda que a unha escala moitísimo maior. Actualmente, MotoGP traslada semana a semana, por toda a xeografía do globo, unha estrutura moito máis complexa, para que os pilotos dos nosos días se midan aos seus rivais fronte a millóns de espectadores. E como un bo circo, case tan frenética como a actividade que se ve de portas a fóra é a actividade que se coce entre bastidores.
A actividade empeza moito antes de que os semáforos vermellos se apaguen o domingo ao mediodía, e Dani Pedrosa e Nicky Hayden espreman ao máximo o acelerador das súas RC212V. O burbullo empeza o martes anterior á carreira, coa chegada ao circuíto dos camións que trasladan as toneladas de material que fan realidade a maxia do Mundial. O mércores pola mañá, o IRTA -asociación que representa os intereses dos equipos do Mundial-, organiza o acceso de todos os camións ao circuíto.
Posteriormente, os membros do Repsol Honda Team empezan a montar o escenario no que terá lugar toda a actividade os seguintes días: os inconfundibles boxes de cor laranxa e o hospitality no que os membros do equipo comen e cean os días que dura a competición.
Antes do inicio do primeiro acto cos adestramentos libres do venres, o xoves toca ultimar todos os preparativos. Mentres os mecánicos e membros do equipo terminan apresurados a montaxe do hospitality e revisan peza por peza todas as motos, os pilotos acoden aos diferentes compromisos coa prensa, patrocinadores e afeccionados. É un día no que, a pesar de non dar nin unha soa volta, os pilotos xa están traballando no circuíto e todos os seus mecánicos preparan e repasan todos os axustes que prevén que se necesitarán para ese Gran Premio.
O obxectivo é ter as ideas claras no momento no que un piloto pida un cambio, grazas aos datos das carreiras anteriores. Unha das tarefas máis importantes para os pilotos é a reunión cos técnicos de Michelin, reunión na que escollerán os pneumáticos que deberán usar durante todo o fin semana. A miúdo tamén deben acudir ao box para ultimar, xunto aos enxeñeiros, algunhas especificacións nas motos de cara ao Gran Premio. Ese traballo no box o piloto debe combinalo sempre coas entrevistas, roldas de prensa e momentos especificamente reservados para poder atender aos fans, que enchen unha parte menos visible da axenda dos pilotos, pero igualmente importante.
Máxima tensión, comeza a diversión
A intensidade, non obstante, sobe de golpe cos adestramentos do venres e do sábado, momento no que xa todos deben estar preparados para dar o máximo durante catro roldas de adestramentos. É o momento no que técnicos de suspensións, de pneumáticos, telemétricos, mecánicos, e demais membros do equipo técnico de HRC esfórzanse ao máximo para dar a Dani Pedrosa e Nicky Hayden aquilo que necesitan en cada preciso instante.
O obxectivo destas dúas xornadas de adestramentos é pór a punto a moto en función das particularidades do circuíto, para conseguir un ritmo constante e para conseguir unha boa clasificación para a grella de saída do domingo no adestramento de clasificación.
O último adestramento do sábado é un momento clave para preparar a carreira. Os pilotos realizan, durante a hora de adestramentos cronometrados da que dispón, roldas dunhas seis voltas para intentar atopar un ritmo de carreira consistente. Trátase de facer as últimas probas para a elección do pneumático que montarán para a carreira, un elemento crave para ter opcións á vitoria.
Finalmente, é o momento de queimar os últimos cartuchos en busca dunha única volta ao límite, para conseguir unha boa posición na grella de saída. Para iso, o subministrador oficial do equipo, Michelin, ten uns pneumáticos especiais que ofrecen un extraordinario agarre durante unicamente unha volta. Os pilotos dispoñen dun par de xogos destes chamados “pneumáticos de cualificación”, para conseguir parar o crono antes que os seus rivais.
Como en toda obra de teatro, antes de subir o pano, ou o que é o mesmo, antes de que se apaguen os semáforos, hai un ensaio xeral. O domingo pola mañá ten lugar o “warm-up” (quentamento), unha última rolda de adestramentos de vinte e cinco minutos permite ultimar os axustes das motos, tendo en conta as condicións nas que se espera que estea a pista para ese día. A partir dese momento, xa só quedan pouco máis de tres horas para o inicio da carreira. Son os últimos momentos nos que os pilotos aproveitan para comer algo, mirar as carreiras de 125cc e 250cc, cambiarse, e prepararse para saír á pista.
Espectáculo en estado puro
Finalmente, o domingo ás dúas xa está todo disposto para o momento da verdade. É o momento en que todo o que xira ao redor do Continental Circus cobra sentido coa carreira da categoría raíña. Os semáforos vermellos apáganse, a adrenalina dispárase e o espectáculo arrinca. Case unha hora de intensas emocións na que os pilotos culminan o traballo de todo un equipo que lles empuxa. No box do Repsol Honda Team, a actividade non cesa de todo.
A tensión céntrase en seguir as evolucións de Nicky e Dani, prepararse para posibles imprevistos como pode ser a aparición da choiva, e comunicarlles grazas ao encerado a evolución da carreira.
A sorte está botada e é o momento do todo ou nada, o momento de dar o máximo para pasar baixo a bandeira de cadros e recoller os froitos do intenso traballo realizado. Entón, cando todo terminou, cando os motores deixaron de ruxir, os afeccionados abandonaron o trazado, e os equipos repiten o ritual de recoller os boxes, a caravana volve a pórse en marcha con destino ao seguinte circuíto, no que dentro duns días a función arrincará de novo.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.