O próximo día 23 de marzo dará inicio unha nova tempada do campionato de Europa de Trial feminino, unha competición que arrinca coa proba que se desenvolverá en territorio francés. A española Laia Sanz, do equipo Repsol - Montesa HRC é a principal favorita para facerse co título continental, que subiría ao seu palmarés por sétimo ano consecutivo. Ademais, o seu outro reto persoal é recuperar o cetro mundial.
A pluricampeona Laia Sanz acode á primeira das máis de 30 citas de trial que ten anotadas este ano no seu calendario. De entre todas, dúas son as súas prioridades: revalidar por sétimo ano consecutivo o título continental e recuperar o mundial. O primeiro deles dá inicio o próximo 23 de marzo en Francia e disputarase a tres probas. O Campionato do Mundo, pola súa banda, arrincará en Luxemburgo o día 29 deste mesmo mes.
Laia Sanz afirma que a súa “prioridade número un” de cara a esta nova tempada “non é outra que recuperar o título mundial”. A campioa recoñece que xa pasou páxina ao que aconteceu o pasado ano. Agora toca “mirar cara adiante” e para iso preparouse a fondo “alternando a moto co ximnasio e a bicicleta de montaña, e adestrando con máis ritmo e constancia que na pretempada anterior”, explica. De feito, a piloto de Repsol - Montesa HRC non parou dende que o pasado ano perdeu o Campionato do Mundo.
Como fai dende o 2005 competirá coa Montesa HRC COTA 4RT, unha moto coa que asegura estar “perfectamente compenetrada”. Como novidade para esta tempada 2008, Laia Sanz contará con Mario Rodríguez como mochileiro, un cambio que pode supor un bo revulsivo segundo as súas palabras.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.