Tras adxudicarse a etapa da anterior xornada, o piloto Repsol Jordi Viladoms arrincaba na cuarta etapa do Rally de Sardeña co obxectivo de adaptarse ás dificultades de abrir pista. A súa progresión ao longo do día foi clara, tras ceder algo máis de cinco minutos na primeira especial disputada, e apenas trinta e dous segundos na segunda, na que terminou marcando o segundo mellor tempo.
A etapa, formada por dúas especiais de 38 e 52 quilómetros, caracterizouse novamente por un percorrido mixto de zonas rápidas e outras máis lentas. Os continuos cambios de ritmo obrigaron aos pilotos a estar atentos nas rápidas e areosas pistas de Sardeña, xa que a seca dos últimos meses deixou as pistas moi duras e esvaradías. Tampouco podían baixar a garda nas devasas, nas que as subidas e baixadas repletas de rochas obrigaron a pilotar lentamente e extremando a cautela.
Viladoms tomouse a primeira especial do día con moita calma, xa que saír abrindo pista non lle daba a confianza suficiente como para rodar do todo cómodo. Sufriu a desvantaxe de abrir pista e atoparse nunha situación ata agora descoñecida para el. Tras dous pequenos erros, tivo que recuar nun par de ocasións e acabou cedendo cinco minutos, un resultado que aínda que era de esperar, non lle deixou satisfeito.
En cambio, na segunda especial, o piloto Repsol saíu co obxectivo de rodar moi concentrado no roadbook, e puido alcanzar a meta sen cometer erros, marcando o segundo mellor tempo. Foi un dos tramos máis longos do Rally, no que a navegación volveu ser crucial, como proba que numerosos pilotos se perderon en diversas ocasións.
O balance do día foi positivo para Viladoms, que finalizou contento por abrir pista todo o día e saber aproveitar a oportunidade. O venres será o último día do Rally coa disputa das dúas últimas especiais. Desenvolveranse na zona de Arbatax, onde chegaron logo dun longo enlace ao acabar a segunda especial de hoxe. Posteriormente, e con outro longo enlace ata o norte, darase por concluído este Rally de Sardeña coa chegada dos pilotos en San Teodoro.
Jordi Viladoms
“En xeral, foi ben, aínda que na primeira especial non tanto como na segunda. Custoume abrir pista, xa que a verdade é que cambia moito ter que ir diante, sen ver rodeiras que che poidan confirmar que vas polo camiño correcto, e faiche dubidar. Tomeino con moita calma e cometín un par de pequenos erros de navegación. Na segunda especial saín máis confiado e a verdade é que me foi moi ben e estou moi contento. Quizais foi unha das etapas máis difíciles de navegación, e non cometín erros abrindo pista, así que acabei segundo. Mañá, como teño bastante diferenza sobre o seguinte clasificado e polo tanto nada que perder, sairei a facelo o mellor que poida nas dúas especiais para intentar recortar un pouco a diferenza e apertar ata o final”.
09/05/2008
Últimas noticias
> Vitoria de Jordi Viladoms na 3ª etapa do Rally de Sardeña
> Día complicado para os pilotos Repsol en Sardeña
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.