Jordi Viladoms soubo aprender dos erros cometidos e impúxose na terceira etapa, disputada entre as localidades de San Teodoro e Gavoi, con 50 quilómetros cronometrados. A etapa discorreu de novo por unha pista dura e areosa, moi esvaradía, alternada con zonas de trialeiras moito máis lentas. Viladoms soubo manter un ritmo elevado de carreira á vez que seguía con precisión as indicacións do roadbook, ata chegar a meta marcando un tempo un segundo mellor que o de Cyril Despres, líder da clasificación xeral.
A segunda especial da xornada, con Viladoms de novo protagonizando unha boa actuación, neutralizouse pola caída do piloto Paolo Ceci, vencedor de onte, que sufriu un accidente e quedou tendido nunha zona de difícil acceso para o helicóptero. Tiveron que cortar a especial e esperar a evacualo nun 4X4. Esta especial percorría un espeso bosque que forma parte dun parque natural protexido, no que nos últimos anos non se puido participar.
Viladoms finalizou satisfeito xa que mañá poderá abrir pista e é unha boa oportunidade para aprender, xa que non atopará trazas dos pilotos precedentes e deberá prestar moita atención á navegación. Teoricamente é máis fácil que os que saen detrás poidan alcanzalo, pero a estratexia a seguir mañá será baixar un pouco o ritmo para asegurar a navegación.
Gerard Farrés, retirado por mor dun accidente ao chocar de fronte contra Casteu, que rodaba en contra dirección logo de perderse en metade da especial, regresou mesmo a Barcelona e visitou o USP Instituto Universitario Dexeus, onde se lle realizaron unha serie de probas e radiografías para determinar o alcance exacto das súas lesións. Logo da exploración e probas resultantes, o Doutor Xavier Mir declarou que o piloto do Repsol KTM Team, Gerard Farrés, “sofre unha ferida inciso-contusa no pé esquerdo con fractura do terceiro metatarsiano. Realizaráselle un novo control a principios da semana que vén para controlar o estado da súa ferida e evitar a infección da mesma. Deberá estar entre tres e catro semanas recuperándose antes de regresar á actividade deportiva.”
Jordi Viladoms
“Hoxe foi bastante mellor e ao final gañei. En teoría saía tranquilo, pero parece que cando fas as cousas ben, con calma, os resultados saen por si mesmos. Era unha especial bastante rápida, aínda que nunha pista que patinaba bastante, e tras a experiencia de onte, centreime en seguir o roadbook todo o mellor que puiden. Ao final non cometín ningún erro e conseguín manter un ritmo bo durante toda a especial. Se consegues exactamente iso -manter un ritmo constante e non fallas-, pode pasar o que pasou, que quedei primeiro. Foime moi ben e estou moi contento; na segunda especial, creo que o estaba facendo ata mellor. Ademais, a parte do resultado, que ao final só son unhas décimas mellor que Cyril, as sensacións coa moto son moi boas. Xa é o terceiro día, co roadbook estou afinando máis, e nótome moito mellor coa moto pequena. Viñamos de correr en Bulgaria coa moto grande, e pouco a pouco xa me afixen a esta e gocei moito.”
Gerard Farrés
“Esta mañá fun á Dexeus e miráronmo ben. Fixéronme radiografías e viron que había un metatarso roto -aínda que non é nada do outro mundo-, e que teño o pé moi inflamado. Así que mo enxesaron para estar uns dez días parado e esperar que baixe a inflamación. Entón faranme unha resonancia para ver exactamente como están os ligamentos do nocello, xa que coa inflamación non acaban de velo claro, e para ver como están os tendóns do dedo na zona na que me fixen o corte, para asegurarnos de que están ben. A verdade é que estou máis animado, xa que tiña medo de que fose algo máis serio. É unha lesión e nunca gusta que pase algo así, pero non é nada complicado. Perdereime algunha carreira de España, pero o importante é que nun par de meses estarei recuperado.”
08/05/2008
Últimas noticias
> Día complicado para os pilotos Repsol en Sardeña
> Viladoms e Farrés arrincan cunha boa actuación no Rally de Sardeña
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.