O mes de maio converteuse nun mes con novidades na normativa xeral de tráfico na que a DXT introduciu un cambio importante. A aprobación e entrada en vigor da reforma do Código Penal que establece como delito conducir sen ter obtido o permiso necesario ou licenza de conducir, tipifica penas de cadea ou traballos en beneficio da comunidade para os infractores.
A reforma do Código Penal sobre a normativa dos condutores ao volante está en vigor dende o pasado día 1 de maio. Nesta reforma, aprobada e xa posta en marcha, establécese como delito circular sen a correspondente licenza ou carné de conducir. Desde Tráfico informouse a preto de 25.000 condutores infractores, aos que xa o pasado ano se lles abrira un expediente por conducir sen carné.
O artigo 384 do Código Penal establece desde este mes de maio penas de cadea de 3 a 6 meses ou multas de 12 a 24 meses e traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días, para todos aqueles que circulen pola rede viaria sen a correspondente licenza ou permiso de conducir. Ademais, tamén se inclúe neste grupo de infractores aos condutores que se poñan ao volante malia ter sido privados previamente do permiso, pola perda total dos puntos asignados legalmente.
Un dato preocupante, sen dúbida, recóllese nos primeiros días trala entrada en vigor desta reforma no código de circulación. En tan só tres días dende a entrada en vigor da reforma do Código Penal, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil instruíron dilixencias e puxeron a disposición xudicial a 128 condutores por se pór ao volante e circular sen permiso ou licenza de conducir.
09/05/2008
Últimas noticias
> Balance de Tráfico: ponte do 1 de maio
> En marcha o dispositivo especial de Tráfico para a ponte
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.