Na última década converteuse nun sistema de seguridade cotián, habitual e indispensable en calquera vehículo. Mentres que antes estaba considerado como un elemento de seguridade de coches de gama alta, o airbag é hoxe en día un sistema de seguridade pasiva obrigatorio en calquera vehículo, tanto para a posición do condutor coma para a do copiloto.
O airbag como dispositivo de seguridade pasiva aplicada a un automóbil ten a súa orixe nos anos 50, dúas décadas despois de que o crearan no marco da aeronáutica. A evolución dos sistemas de airbag nos coches avanzou a pasos de xigante, desde aqueles primeiros sistemas dos anos 50, nos que o dispositivo se activaba cando o propio condutor do vehículo se atopaba ante un accidente inminente.
Estes primeiros sistemas foron evolucionado ata chegar aos diferentes tipos de airbag que hoxe inclúen a maioría dos coches. O primeiro automóbil que desenvolveu e montou de serie o airbag como sistema de seguridade pasiva foi o modelo Clase S da firma Mercedes Benz , presentado no Salón de Xenebra no ano 1981. Daquela, a firma alemá realizara preto de 3.000 probas de seguridade de distinto tipo.
O airbag consiste nun xerador de gas conectado á bolsa. A capacidade da bolsa depende do tipo de airbag que sexa e onde estea colocado. Basicamente existen tres tipos de airbag: frontal, lateral e de cortina. No caso de sufrir un choque, un sensor activa o detonador, que incha a bolsa, para que esta absorba o impacto dos pasaxeiros.
O airbag necesita un mantemento e revisións que oscilan entre os 10 e 15 anos, dependendo da marca. Hai que lembrar que o airbag é un sistema que complementa a función do cinto de seguridade e que reduce nunha gran porcentaxe o tipo de lesións no caso de accidente de tráfico.
Consellos para o seu funcionamento
> Nos airbags frontais de pasaxeiro ou condutor, hai que ir sentado de xeito ben erguido e a unha distancia mínima de 20 ou 25 centímetros do volante.
> Nunca situar os pés por riba do cadro de instrumentos nin apoiar os xeonllos neste.
> Nos airbags laterais e de cortina, evitar apoiar a cabeza sobre a xaneliña ou a porta do automóbil.
> Non pór adhesivos ou calquera outro obxecto sobre as tapas dos airbags.
> Sempre utilizar o cinto de seguridade para completar o funcionamento do airbag.
21/08/2008
> Máis información sobre os sistemas de seguridade do automóbil
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.