Na tarde noite do martes día 20 de novembro presentouse nas instalacións do Piélagos Indoor Karting en Renedo de Piélagos, a segunda edición da Challenge a Gas de Karting, que se celebrará ao longo da próxima tempada 2008, na que vinte e seis pilotos competirán en 7 probas ao longo do territorio nacional. Tamén aproveitando o acto, tivo lugar a presentación dun novo e potente motor alimentado a gas.
Este acto contou coa presenza de Jesús Salmón, como Director Deportivo de PTR-Ferrosite, Iñigo Palacio Prada, Xefe de Mercado Gran Consumo de Repsol Butano, Martín Güemes, Presidente da Federación Cántabra de Automobilismo, Camilo Felipe Sánchez, Director Xeral de Quiter e Angel Paraja, en representación do Karting de Piélagos-Pas Motorsport. Jesús Salmón fixo un breve repaso neste acto de como resultara esta primeira tempada da Challenge a Gas, e explicou algunhas das principais novidades de cara á vindeira edición. Pola súa banda, Martín Güemes gabou o labor de promoción desta iniciativa, ao competir nenos de moi curta idade e practicamente sen ningunha experiencia no mundo da competición, á vez que avogou porque unha das probas previstas para o vindeiro ano recale en Cantabria, e se non fose posible para o 2009.
Iñigo Palacio, de Repsol Butano, comentou as vantaxes do uso do gas respecto aos carburantes tradicionais, salientando á súa vez o menor custo deste, case a metade respecto ao máis barato destes (gasóleo), á vez que tamén destacou o labor de promoción cos nenos desta iniciativa. Camilo Felipe Sánchez, como responsable de Quiter, comentou a satisfacción que supuxera para a súa empresa poder apoiar esta interesante iniciativa do deporte base do motor, á vez que felicitaba publicamente todo o equipo de PTR-Ferrosite e do Karting de Piélagos-Pas Motorsport, polo traballo realizado cos nenos participantes durante todo o 2007.
Por último, Angel Paraja destacou a rápida aprendizaxe, e o que evolucionaran no nivel de condución os nenos participantes nesta primeira edición, esperando como mínimo repetir, e a poder ser mellorar nos diferentes aspectos que se presenten nesta próxima edición.
Coincidindo con este acto, presentouse o novo motor Tech F-1 de karting, unha mecánica de catro tempos, que xira a 15.000 rpm e rende unha potencia aproximada de 45 cabalos alimentado por Gas, que rodou por primeira vez polo trazado do Karting Indoor de Piélagos en mans de Borja Ruiz, Campión de España de Superkarts os últimos cinco anos. Borja Ruiz puido probar esta nova mecánica, comentándonos tras dar uns cantos xiros ao trazado: "a verdade é que esta mecánica alimentada por gas é unha grande innovación no mundo do karting, e para ser unha mecánica de catro tempos e de 250 cc ten unha potencia realmente satisfactoria. A pesar de que só rodei con este motor moi poucas voltas, podo destacar do mesmo que é bastante rápido, tendo en conta que é unha mecánica de catro tempos, e penso que pode dar bo xogo en competición".
Se tes entre 8 e 11 anos e, queres sentir a emoción de competir nun kart propulsado por autogás, descarga o pdf que che presentamos a continuación e envía o Boletín de Inscrición con todos os teus datos. Podes ser un dos 30 seleccionados para participar.
SEGUNDA EDICION NO 2008
Tras o éxito da primeira edición celebrada durante este 2007, PTR-Ferrosite, co patrocinio de Repsol-Gas, Quiter, Karting Piélagos e Lovato, convoca a segunda edición da Challenge a Gas de Karting 2008, realizando un programa de competición para a categoría Alevín de karting, co obxecto de fomentar a través do mundo do karting o uso do autogás en vehículos de motor, ademais de apoiar o deporte base.
A Challenge a Gas de Karting 2008 está reservada a deportivas non federados, ou federados sen palmarés, cun mínimo de 8 anos, cumpridos antes da primeira proba a disputar a próxima tempada, e un máximo de 11 anos, cumpridos durante o 2008, e que formalice a solicitude de inscrición deseñada para tal efecto.
Os interesados poderán acceder a toda a información relativa á organización da Challenge a Gas de Karting (bases, regulamentos, calendario, ficha de inscrición, etc), na páxina web de Internet: www.ferrosite.net, sendo o prazo límite de inscrición a esta segunda edición, o 10 de xaneiro do 2008.
O Comité de Admisión e Selección elixirá un máximo de 30 candidatos de entre as inscricións recibidas (26 pilotos participantes, máis 4 reservas). O criterio a seguir para seleccionar os devanditos aspirantes será o resultado dos test persoais que se convocarán a tal fin no lugar e data que a organización determine, e que se dará a coñecer proximamente.
Os pilotos seleccionados (incluídos os reservas), e no seu nome os Pais ou Titores, deberán asinar un contrato comprometéndose a participar en todas as probas que se realicen da Challenge ao longo do 2008. O devandito contrato incluirá ademais, entre outras, unha cláusula de cesión dos dereitos de explotación económica e imaxe dos pilotos participantes na Challenge.
CALENDARIO, EQUIPAMENTO E PREMIOS
As probas, sete previstas, da segunda edición da Challenge a Gas de Karting realizaranse nas seguintes zonas xeográficas: Galicia, Cataluña, Castela-León, Comunidade Murciana e Andalucía, reservándose o organizador da Challenge o dereito de modificar a situación dalgunhas das zonas seleccionadas inicialmente.
O lugar e data definitivo da realización de cada unha das probas daráselles a coñecer aos
candidatos seleccionados cunha antelación mínima de 15 días. Todos os pilotos deberán estar en posesión da licenza federativa de piloto expedida pola Real Federación Española de Automobilismo.
Os pilotos recibirán antes da primeira proba a equipaxe deportiva composta polo mono de competición homologado, casco de competición homologado, luvas de competición, colariño de competición, e a roupa do equipo, que terán a obriga de levala sempre posta os pilotos durante a súa estanza nas pistas durante os días de carreira, e nas entrevistas, e/ou nas reportaxes publicitarias ás que sexan convocados polos diferentes medios de comunicación.
Ademais disto porase a disposición do piloto en cada unha das probas o seguinte material; Kart autogas, pneumáticos, combustible GLP-Automoción, inscrición, asistencia técnica e ticket de pista.
Os premios establecidos para cada un dos seis primeiros mitins serán os seguintes: 800, 600, 400, 300, 200 e 100 euros, cos seus correspondentes trofeos, sendo os premios finais da Challenge, a repartir no último meeting previsto, de 6.000, 3.000 e 2.000 euros, cos seus correspondentes trofeos.
O organizador, PTR-Ferrosite, así como as empresas patrocinadoras, fan que o custo desta próxima edición da Challenge repercuta nos pilotos na cantidade de 2.600 euros pola totalidade das probas programadas (800 pola primeira proba, e 300 por cada unha das seis restantes), sendo os gastos de manutención e de desprazamento ás diferentes citas programadas por conta de cada participante.
Se tes entre 8 e 11 anos e, queres sentir a emoción de competir nun kart propulsado por autogás, descarga o pdf que che presentamos a continuación e envía o Boletín de Inscrición con todos os teus datos. Podes ser un dos 30 seleccionados para participar.
Accede aquí para participar na II Copa de RepsolGas de Karting.
(pdf 900 KB)
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.