
A materia prima da industria de refino é o petróleo.
De natureza hidrocarbonada, está constituído por unha mestura complexa de diferentes tipos de hidrocarburos e está composto principalmente por carbono e hidróxeno cunha pequena porcentaxe doutros elementos como xofre, nitróxeno e metais.
Dependendo da combinación de todos estes elementos, a tipoloxía do cru varía en boa medida. E estas variacións son fundamentais para a industria do refino xa que en función delas se obterá máis ou menos cantidade dun determinado produto ou custará máis ou menos producilo.
Para coñecer a calidade do cru, téñense en conta tres baremos: a densidade (grao API), o contido en xofre e a curva de destilación TBP (do inglés "true boiling point" temperatura de ebulición real e rendementos que se poden obter dos produtos por separación directa).
A densidade en graos API, dá unha idea da composición máis ou menos lixeira do cru. Se se trata dun cru máis lixeiro, a obtención de produtos de maior valor engadido, gasolinas e gasóleos será máis sinxela mentres que se é máis pesado, a obtención destes produtos requiren un esquema de refino máis complexo.
O contido en xofre é un factor importante xa que se trasladará case na súa totalidade aos produtos de refino, que contan con fortes restricións de calidade. Para eliminalo, é necesario aplicar procesos específicos que encarecen o produto final. Indica en definitiva as dificultades de procesamento.
Os compostos químicos do petróleo, entre outras moitas propiedades, diferéncianse pola súa volatilidade (temperatura de ebulición). Ao quentar o petróleo, os compostos lixeiros evapóranse primeiro, de maneira que conforme aumenta a temperatura os compoñentes máis pesados van incorporándose ao vapor.
En función desta volatilidade trázanse as curvas de destilación TBP (do inglés "true boiling point", temperatura de ebulición real) que serven para distinguir os tipos de petróleo en función dos rendementos que se poden obter dos produtos por separación directa. Por exemplo: a gasolina destila por debaixo dos 200ºC, polo que interesa un cru cuxa curva TBP teña o % de volume líquido alto a esta temperatura.
Última actualización: 20 feb 2007
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.