
Nesta área de traballo dáse cobertura tecnolóxica ás necesidades dos negocios do GLP e ao gas natural na cadea dos procesos de distribución, comercialización e utilización, tanto no sector doméstico como no comercial ou industrial.
O alcance desta actividade enténdese mellor se consideramos as grandes liñas tecnolóxicas de actuación. A primeira delas está relacionada coa calidade dos gases e das instalacións para a súa distribución e entrega aos usuarios. Neste sentido trabállase en avaliación de características físicas e termodinámicas do gas, e na mellora das propiedades e diferenciación dos produtos comerciais, por exemplo mediante aditivación.
Así mesmo, realízase un soporte tecnolóxico relacionado coas instalacións e aparellos de consumo de gas e dirixido á mellora da calidade e seguridade dos compoñentes das mesmas, e realízanse ademais especificacións técnicas, normativa e certificación de produtos cuns medios e dotación experimental que cobre a maior parte da regulamentación e normativa aplicábel en Europa.

Os nosos Centros colaboran na certificación de aplicacións e seguimento de produtos en fabricación e no mercado, tanto dos aparellos de consumo, como dos compoñentes de instalacións, cun laboratorio acreditado UNE EN ISO 17025, no Centro Tecnolóxico de Madrid (C. Oficial para o Ministerio de Industria e notificado á Comisión Europea en eficiencia de caldeiras) que dispón de medios para a realización da práctica totalidade das normas, regulamentos e Directivas aplicábeis.
Así mesmo, colabórase con Administracións e asociacións nacionais e internacionais en temas de seguridade no uso do gas, incluíndo peritación de accidentes. A segunda liña de actuación é o desenvolvemento de novas aplicacións dos combustíbeis gasosos ou mellora das xa existentes, co obxectivo de abrir novos nichos de mercado.
Nesta liña é salientábel a actividade relativa a climatización, con proxectos dirixidos á mellora de eficiencia enerxética e diminución das emisións de CO2, ou a I+D en sistemas xeradores e elementos distribuidores de enerxía, como tecnoloxías avanzadas de coxeración ou o emprego simultáneo de gas e enerxía solar. Abórdase tamén o desenvolvemento de aplicacións agrícolas e gandeiras ou o uso do gas en automoción.
Unha terceira liña relaciónase coas plantas de envasado de GLP e a súa loxística de distribución. Disponse de tecnoloxía propia que permite acadar niveis de produtividade superiores, froito do desenvolvemento e optimización constante das nosas instalacións e procesos.
Algúns exemplos de desenvolvemento salientábeis son os novos materiais dos circuítos de produción ou a aplicación de sistemas que garantan a trazabilidade dos envases, telemedida de almacenamento, sistemas de pesada, ou no relativo a loxística da distribución, o desenvolvemento de modelos para a optimización da cadea loxística, a previsión da demanda ou a optimización das operacións de reparto a granel.
Última actualización: 1 ago 2006
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.