¿Que é o programa CÉNIT?
O programa CÉNIT (Consorcios Estratéxicos Nacionais de Investigación Técnica), está promovido pola Administración Española, no contexto do seu programa de Fomento da Cooperación estábel Público-Privada en I+D+i. Pretende a promoción e o desenvolvemento de grandes proxectos de investigación industrial de carácter estratéxico. Os consorcios deben estar constituídos como mínimo por catro empresas, dúas delas do tipo grandes, e dúas do tipo pequenas, así como por, polo menos, dous organismos de investigación subcontratados polas empresas integrantes do consorcio, investindo nesta subcontratación do desenvolvemento polo menos o 25% do orzamento total do proxecto. Este debe estar comprendido entre 20 e 40 millóns de euros (€) para os catro anos de duración. Os proxectos deben estar liderados por unha empresa de suficiente entidade e capacidade tecnolóxica, e están cofinanciados a través do CDTI ata o 50%.
¿Por que un proxecto CÉNIT para desenvolver e impulsar o biodiésel?
O desenvolvemento dos biocombustíbeis forma parte da estratexia enerxética europea, e en particular española, principalmente debido á súa contribución a reducir as emisións globais de gases de efecto invernadoiro causantes do cambio climático e a diversificar as fontes de enerxía, reducindo así a dependencia do petróleo. A curto prazo, España e o resto de países da Unión Europea comprometéronse a que os biocombustíbeis alcancen polo menos unha cota do 5,75% dos carburantes para transporte no ano 2010. Ata a data, os volumes de biocombustíbeis producidos na Unión Europea foron moi inferiores aos esperados, debido á dificultade de competir cos produtos petrolíferos por razóns de dispoñibilidade de materias primas, altos custos de produción e outras barreiras derivadas das especificacións de calidade, que son esixíbeis aos combustíbeis de automoción. A investigación e o desenvolvemento tecnolóxico poden contribuír a eliminar, ou reducir, estas barreiras de entrada ao mercado dos biocombustíbeis.
O biodiésel en particular, entendido como o conxunto de produtos derivados de materia prima vexetal ou animal que poidan utilizarse como substituto ou complemento dos gasóleos de automoción e gasóleos doutros usos, aparece como o biocombustíbel que mellor encaixa no mercado europeo e español, moi deficitario de gasóleos e excedentario de gasolinas.
Nesta liña, e hai só uns días, Repsol, comprometida coa protección do ambiente e co impulso da biodiversidade, asinou un acordo marco para a construción e o desenvolvemento en España de plantas de biodiésel que poderán producir máis dun millón de toneladas anuais, utilizando como materia prima estes aceites vexetais de primeiro uso comentados. Este acordo supón un investimento estimado de 300 millóns de euros e é o de maior alcance asinado ata agora no mundo dentro do ámbito do biodiésel. Este importante esforzo investidor esixe dispoñer do mellor coñecemento das materias primas, o proceso e as características do produto para asegurar o seu éxito. É por iso que a aposta por un proxecto de I+D+i desta envergadura, en asociación coas empresas máis importantes e os centros con mellores recursos neste campo, son a mellor decisión e a garantía de utilizar os mellores desenvolvementos e recursos na súa implantación industrial.
¿Cal é concretamente o obxectivo do proxecto CÉNIT Biodiésel?
Contribuír á introdución de biodiésel no mercado nacional mediante un programa de I+D, cuxas actividades se orienten á redución dos custos de produción, ao aumento da dispoñibilidade de materias primas locais e a atopar novas e mellores aplicacións destes produtos. Como di o seu acrónimo PiIBE: Proxecto de innovación para o Impulso do Biodiésel en España.
Última actualización: 14 maio 2008
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.